A Agadic colabora coa asociación Músicos ao Vivo para a celebración do Festival Premios Martín Códax da Música

  Segundo o convenio asinado hoxe, o evento terá lugar en Santiago do 15 ao 17 de outubro coa participación de artistas gañadores en anteriores edicións dos galardóns

  Esta iniciativa busca dar conta do bo momento creativo do sector en Galicia, ademais de promover a terceira convocatoria do certame e as súas novidades

A Agadic colabora coa asociación Músicos ao Vivo para a celebración do Festival Premios Martín Códax da Música
[20/08/2015]
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) apoiará a Asociación Músicos ao Vivo no desenvolvemento da primeira edición do Festival Premios Martín Códax da Música que, segundo o convenio subscrito esta mañá entre ambas as entidades, terá lugar do 15 ao 17 de outubro en diferentes espazos de Compostela.

A iniciativa, para a que se contará coas actuacións de artistas e grupos gañadores das anteriores edicións destes galardóns galegos da música, ten como prioridade dar conta do bo momento creativo que está a vivir a música de Galicia. Ao tempo, suporá o arranque da terceira convocatoria do certame organizado por Músicos ao Vivo, que en breve presentará unha serie de novidades relativas ao calendario e aos requisitos para participar na convocatoria.
 
Concertos e encontros profesionais
Mediante o acordo asinado hoxe por Jacobo Sutil, director da Agadic, e Iria Pinheiro, presidenta de Músicos ao Vivo, a Consellería de Cultura e Educación reitera a súa colaboración na difusión dos Premios Martín Códax da Música a través de iniciativas encamiñadas a que sexan socialmente recoñecidos como os principais galardóns do sector musical galego. Con esta mesma finalidade e no caso do festival previsto para este outono, xunto coa programación de concertos, organizaranse encontros profesionais, coloquios e diferentes accións promocionais.
 
A devandita asociación puxo en marcha estes premios en 2013 co obxectivo de recoñecer a creación, a diversidade e a calidade artística das producións musicais galegas, así como o seu potencial como industria e motor económico. A través deles promóvese o traballo dos músicos galegos tanto dentro como fóra da nosa Comunidade, ademais de descubrir novos talentos e de lle achegar ao público a música e o seu proceso de produción.

-Web de Músicos ao Vivo