Ourense acolle en Bemposta a nova edición do Festival Reperkusión coa súa popular mestura de músicas e de actividades lúdicas

  O evento, que se celebrará mañá venres e o sábado día 12, conta coa subvención da Consellería de Cultura e Educación a través da Agadic

  Os grupos galegos Dakidarría e Chokoteu forman parte dunha ampla carteleira internacional, na que figuran bandas como Asian Dub Foundation Sound System, Che Sudaka ou Dubioza Kolektiv

Ourense acolle en Bemposta a nova edición do Festival Reperkusión coa súa popular mestura de músicas e de actividades lúdicas
[10/09/2015]
O Festival Reperkusión celebra esta fin de semana en Ourense a súa décimo terceira edición con dous días dedicados á parte máis popular, orixinal e festiva da música internacional como protagonista, ademais de ofrecer actuacións humorísticas, exposicións, teatro de rúa, obradoiros e artes circenses.

A Cidade dos Muchachos do barrio ourensán de Bemposta acolle o escenario principal, a zona de acampada, o mercadiño, os pasarrúas e outras actividades incluídas na programación deste ano para complementar a intensa carteleira musical da que forman parte os grupos galegos Dakidarría e Chotokoeu, xunto a bandas como Asian Dub Foundation Sound System, Che Sudaka, Dubioza Kolektiv, Trashtucada, TranceUntes ou La Trocamba Matanusca.

O evento está subvencionado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través das axudas a festivais de música que convoca anualmente a Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) coa finalidade de dar pulo á profesionalización deste tipo de encontros considerados estratéxicos para o desenvolvemento das nosas empresas artísticas e da difusión da música feita en Galicia.

Así o explicou o director da Agadic, Jacobo Sutil, na presentación levada a cabo hoxe no Concello de Ourense do Reperkusión 20015, acto que compartiu coa concelleira de Cultura da cidade, Belén Iglesias; co director do festival, Emilio Oro; e con Xurxo Seara, organizador e co-fundador do mesmo hai 13 anos.

Esencia lúdica e compromiso social
Sutil, que felicitou os artífices do evento "por saber medrar sen perder o espítito propio e a esencia lúdica e de confraternidade que deu orixe ás primeiras edicións", cualificou o Reperkusión actual de encontro musical de referencia no ámbito da mestizaxe musical, as relacións interdisciplinarias e o compromiso social.

Fixo referencia, así mesmo, a que o Reperkusión destaca tamén polo carácter aberto da súa programación paralela, "que busca aglutinar todo tipo de públicos a través de non só a música, senón tamén co circo, co teatro, cos obradoiros formativos e con outras moitas experiencias orixinais coas que gozar do mellor da nosa cultura", engadiu.

Ska, reggae, rap, cumbia...
O festival, que se desenvolverá mañá venres día 11 e o sábado 12, dará comezo coa forza do 'jungle', do 'drum&bass', do rap, e do reggae combinados cos sons propios dos británicos Asian Dub Foundation Sound System. O 'ska', a cadencia reggae e o espíritu punk-rock dos Dakidarría, os ritmos tolos e divertidos dos gaditados Trashtucada e a música electrónica tocada cos instrumentos primitivos dos TranceUntes completan o cartel para o primeiro día de celebración.

O sábado 12 chegarán ao escenario do Reperkusión a cumbia, o ska e o punk dos latinoamericanos afincados en Barcelona Che Sudaka; a música de orixe balcánica (pero afastada dos estereotipos) interpretada polos bosnios Dubioza Kolectiv e os orixinais directos dos valencianos La Trocamba Matanusca e dos galegos Chotokeu.

Como nas anteriores edicións, Reperkusión 2015 será moito máis que unha suma de concertos, xa que terá programación de día e de noite con numerosas actividades abertas ao público: humor, exposicións, teatro, pasarrúas, Dj's, mercadiño, etc. Tamén terá lugar o XIII Encontro de Malabares e Artes do Circo, ademais dunha nova entrega da 'Empolada', un xogo no que se convida a participar a todo o público.

-Web do Festival Reperkusión