O CGAI abre a súa nova temporada de proxeccións con programación simultánea en Vigo, Ourense e A Coruña

  Este bimestre ofrecerá un ciclo dedicado á produtora francesa Gaumont e outro á produción cinematográfica posterior á Revolución dos Caraveis, entre outros contidos

  O Cineclube Lumière de Vigo acollerá unha película cada martes, en tanto que o Padre Feijoo de Ourense continuará coas súas proxeccións dos luns

O CGAI abre a súa nova temporada de proxeccións con programación simultánea en Vigo, Ourense e A Coruña
[14/09/2015]
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) inicia a súa nova temporada de actividade, que vai de setembro de 2015 ata xuño de 2016, cunha programación bimestral que se levará a cabo de xeito simultáneo na súa sede da Coruña, no Cineclube Padre Feijoo de Ourense e, por vez primeira, no Cineclube Lumière de Vigo.

O calendario de proxeccións audiovisuais promovido polo CGAI, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, comeza con cinema galego esta mesma tarde na Biblioteca Pública Nodal de Ourense (20:30 e 23:00 horas) coa película 'Jet Lag/No novo ceio', de Eloy Domínguez Serén; e mañá se estenderá ao Auditorio Municipal de Vigo co documental da realizadora viguesa Cora Peña 'O tesouro de Corcoesto' (ás 19:30 horas). Cada un destes espazos, nos que desenvolven a súa actividade os devanditos cineclubes, acollerá seis películas da programación en curso do CGAI. En Ourense as proxeccións serán os luns e en Vigo os martes.

Ademais, a sede do CGAI na coruñesa rúa Durán Loriga abrirá mañá ao público despois do descanso do verán con dous filmes do apartado Fóra de serie: 'Unha paloma se posó en una rama a reflexionar sobre la existencia', de Roy Anderson (martes 15 ás 18:00 e 20:30 horas) e 'Bernie', de Richard Linklater (mércores 16 cos mesmos horarios).

Os 120 anos de Gaumont
Estas serán as primeiras citas dunha programación que se estruturará arredor de dous ciclos de deseño propio e de parte do festival Freakemacine 2015. O primeiro dos ciclos é o dedicado aos 120 anos da mítica produtora e distribuidora francesa Gaumont, considerada a empresa de cine máis antiga do mundo e que se mantén aínda en activo.

A compilación realizada polo CGAI en colaboración coa distribuidora A Contracorriente Films presenta oito significativas longametraxes da traxectoria de Gaumont, producidas entre 1953 e a actualidade, co que se combinan as copias dixitais de grandes clásicos con éxitos máis recentes, nun percorrido que amosará as obras de mestres como Max Ophüls, Jean-Luc Godard, Francesco Rosi ou Louis Malle.

O ciclo dará comezo esta semana na Coruña con 'Madame de...' (xoves 17) e 'Diplomacia' (venres 18) para continuar ata o 30 de setembro con 'Adiós, muchachos' (martes 22), 'Diálogo de carmelitas' (mércores 23), 'Carmen de Bizet' (xoves 24), 'La cena de los idiotas' (venres 25), 'Week-end' (martes 29) e 'Guillaume y los chicos, a la mesa!' (mércores 30). Completarase coas próximas proxeccións nos cineclubes padre Feijoo de Ourense e Lumière de Vigo de 'L'Atalante', 'Un condenado a muerte se ha escapado', 'Banda a parte' e 'Van Gogh'.

A partir da Revolución dos Caraveis
O outro ciclo programado leva por título 'Despois de abril. Cine portugués 1974-1982', e componse de 11 películas realizadas no país veciño nos anos posteriores á Revolución dos Caraveis, período que sacudiu os alicerces do cinema luso a través da intensa actividade dos seus autores: desde Manuel de Oliveira ata os representantes do novo cinema portugués dos sesenta.

A serie dará comezo o 7 de outubro na Coruña con 'Brandos costumes', onde se desenvolverá ata o 23 de outubro coas proxeccións de 'Deus, pátria, autoridade' (día 8), 'Gente da Praia da Vieira' (día 13), 'Tras-os-Montes' (día 14), 'O construtor de anjos' e 'Nós por cá todos ben' (día 15), 'Amor de perdiçao' (día 16), 'Silvestre' (día 20), 'Conversa acabada' (día 21), 'Gestos & fragmentos' (día 22) e 'A ilha dos amores' (día 23).

Día Mundial do Patrimonio Audiovisual
A sexta edición do festival de cine fantástico Freakemacine ocupará a filmoteca galega na semana do 27 ao 31 de outubro. O certame arrancará por tanto o día que se celebra o Día Mundial do Patrimonio Audiovisual promovido pola UNESCO, motivo polo que se proxectará unha copia en 35 mm de 'Possession', de Andrzej Zulawski. Ademais, todas as sesións das 20:30 horas estarán centradas na recuperación de clásicos do coruñés Amando de Ossorio.

O resto das tradicionais seccións dedicadas no CGAI á exhibición e divulgación do cinema de todos os estilos e procedencias tamén terán o seu oco neste bimestre. Así, por exemplo, Off Cinema presentará un programa coas curtas premiadas no último Festival de Cans ou a proxección da restauración do Noticiario Folk nº1, de Ramón Barreiro; CGAI Júnior continuará coa súa oferta para o público de máis curta idade; e Fóra de serie seguirá a prestar atención a contidos máis vangardistas ou de difícil clasificación.

[Na imaxe, fotograma de 'Bernie', de Richard Linklater]

-Web do CGAI