O director da Agadic visita en Cambre a rodaxe de 'Migas de pan', coprodución galego-uruguaia de Xamalú Filmes

  O proxecto recibiu unha subvención de 240.000 euros da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

  Distintas localizacións da provincia da Coruña acollerán ao longo deste mes a filmación, na que traballan máis de cen intérpretes galegos e uruguaios

O director da Agadic visita en Cambre a rodaxe de 'Migas de pan', coprodución galego-uruguaia de Xamalú Filmes
[15/09/2015]
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, visitou esta tarde a rodaxe de 'Migas de pan', unha longametraxe da cineasta Manane Rodríguez producida pola compañía galega Xamalú Filmes xunto á uruguaia RCI Producciones, que conta coa actriz arxentina Cecilia Roth como protagonista.

A película, cofinanciada cunha subvención de 240.000 euros da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Agadic, comezou a súa filmación no pasado mes agosto en Montevideo, tarefa que continuará durante setembro en distintas localizacións da Coruña, Betanzos, Sada, Oleiros, Valdoviño, Cedeira e Cambre.

A fita conta a historia da fotógrafa uruguaia exiliada en Galicia Liliana Pereira, quen quere recompoñer o seu pasado e decide volver ao seu país tras saber que vai ser avoa. O recordo da súa xuventude, transcorrida en boa parte como presa no Penal de Punta Rieles, con previo secuestro e tortura nas naves dun cuartel militar, e a perda da custodia do seu fillo ocupan parte importante do argumento central do filme, desenvolvido na ficción entre 1975 e 1982.

As imaxes rodadas hoxe na Casa da Cultura de Cambre corresponden ao momento no que a artista inaugura unha exposición fotográfica nesta localidade, escenas durante as que o director da Agadic acompañou ao equipo artístico e técnico do proxecto, no que se atopan Manane Rodríguez e Xavier Bermúdez no guión, Marta Villar como directora de arte, Diego Romero como director de fotografía, Héctor Carré como axudante de dirección ou Chelo Loureiro como produtora executiva, entre outros.

'Migas de pan' está interpretado por Cecilia Roth e Justina Bastos, que encarnan á personaxe protagonista en distintas idades. As dúas actrices encabezan un elenco no que participan máis de cen intérpretes galegos e uruguaios: Ernesto Chao, Sonia Méndez, Artur Trillo, Patxi Bisquert, Rosa Álvarez, Miguel Canalejo, Ulises di Roma, Quique Fernández, Lúa Testa, Laura de Benito, Helen Bertels, Alfredo Rodríguez, Nati Forján, Stefanía Crocce, Andrea Davidovics, Margarita Musto, Nuria Flo, María Vidal, Maite Silva ou Inés Lage.

-Dossier de prensa de 'Migas de pan'