Redrum Teatro estrea en Santiago a traxicomedia 'Noiteboa', producida co apoio da Agadic

  Os actores Ernesto Chao, Mela Casal e Guillermo Carbajo estiveron acompañados do director da Axencia e da subdirectora do Auditorio de Galicia na presentación do espectáculo, que poderá verse no Teatro Principal ata o domingo

  Alex Sampayo é o director e coautor, xunto a Borja F. Caamaño, desta sexta montaxe da compañía galega

Redrum Teatro estrea en Santiago a traxicomedia 'Noiteboa', producida co apoio da Agadic
[16/09/2015]
O Teatro Principal de Santiago acolle mañá a estrea de 'Noiteboa', traxicomedia producida por Redrum Teatro e subvencionada pola Consellería de Cultura e Educación a través da Agadic. Ernesto Chao, Mela Casal e Guillermo Carbajo protagonizan a sexta montaxe da compañía galega, que permanecerá en Compostela ata o domingo.

O trío interpretativo estivo acompañado hoxe polo director da Agadic, Jacobo Sutil, e a directora-xerente en funcións do Auditorio de Galicia, Silvia Modia, na presentación da nova proposta de Redrum, na que Álex Sampayo volve asumir a dirección, ademais da autoría do texto xunto a Borja F. Caamaño. Completan o equipo Suso Montero (espazo escénico), Carlos Álvarez-Ossorio (iluminación) e Chicha Blanco (maquillaxe e peiteado).


 
Na súa intervención, Sutil gabou a traxectoria da compañía, ao tempo que destacou os aspectos polos que, nas súas palabras, este espectáculo contribuirá a incrementar non só a cantidade senón tamén a calidade da nova temporada escénica galega 2015-2016: “Desde a presenza no elenco de actores do talle de Ernesto Chao e Mela Casal, ata a reflexión sobre as relacións familiares que nos propón”, afirmou.
 
Axudas á produción e á distribución
Referiuse tamén ao dobre apoio co que conta este espectáculo a través do programa de axudas da Agadic ao sector escénico galego. Así, este ano Redrum Teatro resultou adxudicataria dun total de 13.500 euros ao abeiro da convocatoria de subvencións á produción escénica, ademais de recibir unha axuda á distribución mediante a que se contribúe a facer posible, entre outras, estas catro primeiras funcións de 'Noiteboa' en Santiago.
 
Ambientada nun Nadal compostelán, esta montaxe pon o foco nas aparencias sociais a través duns personaxes que, cando menos durante unhas horas, intentarán actuar como unha familia de verdade. Pero nada é o que parece e, pese a que o público asistirá a situacións realmente cómicas, atoparase no fondo con realidades ben dramáticas.
 
As entradas para as representacións de 'Noiteboa' en Santiago de Compostela, programadas desde mañá e ata o domingo ás 20.30 horas, están xa á venda no despacho de billetes do Teatro Principal, aberto ao público de 18.00 a 21.00 horas, así como a través do web entradas.abanca.com e do teléfono 902 434 443.

-Dossier do espectáculo
-Vídeos