Alumnos de Comunicación Audiovisual estrean a miniserie 'Vento ferido', unha adaptación fílmica da obra de Carlos Casares realizada no CeMAC

  O proxecto enmárcase no Curso de Medios Audiovisuais de Celanova, que conta co apoio da Agadic

  O secretario xeral de Cultura destacou na estrea o interese de complementar con experiencias prácticas a formación dos futuros profesionais do audiovisual

Alumnos de Comunicación Audiovisual estrean a miniserie 'Vento ferido', unha adaptación fílmica da obra de Carlos Casares realizada no CeMAC
[16/09/2015]
A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra acolleu esta tarde a estrea da miniserie ‘Vento ferido’, un proxecto realizado por alumnos e alumnas de Comunicación Audiovisual e Publicidade a partir da obra homónima de Carlos Casares e que se enmarca no Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC).
 

“Desde a Consellería de Cultura e Educación, particularmente desde a Agadic, e en colaboración coa Fundación Carlos Casares, coa Universidade de Vigo, co Concello de Celanova e coa Deputación de Ourense, seguimos comprobando o froito de apostar por esas experiencias que ofrecen un complemento práctico indispensable para a formación dos futuros profesionais do audiovisual”, asegurou, en alusión ao curso, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que participou no acto de estrea.

A literatura galega, fonte para a creación audiovisual
“Creo que a fórmula desta experiencia do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova de producir unha nova proposta creativa, neste caso audiovisual, partindo dun bo texto literario é unha grande idea”, afirmou Anxo Lorenzo, quen tamén se referiu ás “excelentes historias que conteñen as páxinas da literatura galega e que merecen estar na pantalla”.

Segundo dixo, “o guión desta miniserie de tres capítulos está baseado nun dos textos máis importantes da narrativa galega recente, que nos ofrece un conxunto de relatos dunha enorme forza narrativa e visual na propia escrita de Casares, polo que a escolla, arriscada pola dureza dos propios textos, é de seu suxestiva”. Finalmente, afirmou que “o exercicio case profesional que realizaron este grupo de xente moza, en adaptación libre, para contaren a súa propia historia, merece todo o noso aplauso”.

A Agadic vén colaborando co Curso de Medios Audiovisuais de Celanova, que desenvolveu a súa duodécima edición o pasado mes de xullo no Auditorio Ilduara da vila ourensá. Durante catro días programáronse relatorios de destacados profesionais do sector, foros de debate, concertos e tres clases maxistrais de montaxe, composición e dirección de fotografía, así como a exhibición do traballo resultante da nova entrega do taller ‘Celanova, plató de ficción’, do que forma parte a miniserie ‘Vento ferido’.

-Web da serie