Novas
Curtocircuíto debaterá sobre os novos modelos de distribución audiovisual en dúas sesións apoiadas pola Agadic



[28/09/2015]
Os novos modelos de distribución audiovisual e o papel de Internet neste ámbito centrarán dúas sesións de debate organizadas por Curtocircuíto co apoio da Agadic. Esta colaboración enmárcase, á súa vez, no programa Galicia Profilme que a Axencia desenvolve co obxectivo de ampliar a oferta formativa dirixida aos profesionais da industria audiovisual.
Nestas dúas xornadas, que terán lugar os días 8 e 9 de outubro no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), debaterase sobre as novas plataformas de circulación de cinema e vídeo, ao tempo que se proporá un diálogo aberto entre os promotores destas canles e os profesionais do sector.
Con este obxectivo, o festival compostelán contará coa presenza en Compostela dos representantes de catro das plataformas máis importantes de Europa que, á súa vez, ofrecen unha panorámica dos distintos modelos que están a redeseñar o sistema de distribución dos produtos audiovisuais: Salette Ramalho, da Agência da Curta Metragem (Portugal); Cristina Lliteras Llompart, de Festivalscope (Francia); Jana Ptackova, de Doc Alliance (República Checa); e Julien Westermann, de Shortfilmdepot (Francia). Moderará o debate María Yáñez, xornalista galega especializada en novas linguaxes e narrativas da web e nas posibilidades de distribución e promoción audiovisual na rede.
Inscrición
A asistencia a estas sesións, que se desenvolverán en horario de 12.00 a 14.00 horas, é gratuíta, previa inscrición en liña a través do web de Curtocircuíto no enderezo http://www.curtocircuito.org/gl/actividad-6/.
A duodécima edición do Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela terá lugar do 6 ao 11 de outubro en diferentes espazos da cidade, incrementando este ano o volume de actividades paralelas ao programa de exhibición dos 40 filmes en competición oficial, dos que 19 son estrea en España, e demais seccións paralelas.
Así, amais das xornadas 'Modelos de distribución: converxencias en Internet', Curtocircuíto ofrece encontros cos dous cineastas homenaxeados este ano, Jørgen Leth e Aki Kaurismäki; obradoiros con Oliver Laxe, Marta Verde e a produtora Illa Bufarda; e os concertos de Moon Duo e Fumaça Preta, entre outras citas.
-Web do festival