Novas
O ciclo 'Despois de abril' do CGAI repasa o cinema portugués producido tras a Revolución dos Caraveis



[06/10/2015]
'Despois de abril. Cine portugués 1974-1982' é o título do ciclo a través do que o CGAI achega unha ollada sobre o cinema luso realizado tras a Revolución dos Caraveis. Coa colaboración coa Cinemateca Portuguesa, este especial ofrecerá desde mañá e ata o 23 de outubro 11 títulos que reflicten unha época de gran vitalidade creativa no país veciño.
Os especialistas coinciden en sinalar o período que aborda este programa como de verdadeira revolución fílmica, enmarcándoo ademais na corrente europea que, nesta etapa, deu lugar ao que hoxe pode considerarse como un dos cumios da modernidade cinematográfica no vello continente. Así, con máis de 120 películas realizadas durante estes anos, a produción portuguesa aumenta de xeito considerable e sitúase, ao tempo, á vangarda do cinema europeo.
O Centro Galego de Artes da Imaxe-Filmoteca de Galicia ofrécelle ao público unha escolma das películas realizadas nesta etapa por unha decena de directores, entre os que atopamos a Manoel de Oliveira ou a representantes do Novo Cinema Portugués dos sesenta, como Fernando Lopes ou Paulo Rocha, así como unha serie de coñecidos realizadores que daquela estaban a filmar os seus primeiros traballos: Alberto Seixas Santos, António Reis e Margarida Cordeiro ou João Botelho, entre outros.
'Despois de abril. Cine portugués 1974-1982' dará comezo mañá día 7 con 'Brandos costumes' (1974), de Alberto Seixas Branco, para ir desenvolvendo a continuación un percorrido cronolóxico a través das fitas 'Deus, pátria, autoridade', de Rui Simões (día 8); 'Gente da Praia da Vieira', de António Campos (día 13); 'Tras-os-Montes', de António Reis e Margarida Cordeiro (día 14); 'O construtor de anjos', de Luis Noronha da Costa, e 'Nós por cá todos bem', de Fernando Lopes (día 15); 'Amor de perdiçao', de Manoel de Oliveira (día 16); 'Silvestre', de João César Monteiro (día 20); 'Conversa acabada', de João Botelho (día 21); 'Gestos & fragmentos', de Alberto Seixas Branco (día 22), e 'A ilha dos amores', de Paulo Rocha (día 23).
Todas as sesións deste ciclo están programadas para as 20.30 horas na sede do CGAI na Coruña. Os filmes proxectaranse en versión orixinal e, en cinco dos casos, con subtítulos en galego.
-'Despois de abril. Cine portugués 1974-1982' no web do CGAI