Quince novos proxectos audiovisuais presentßronse diante de produtores de toda Espa˝a no 'pitching' I+P, Ideas para Producir

  O obxectivo desta iniciativa é ofrecerlles aos axentes do audiovisual unha oportunidade para abrir novas vías de negocio e establecer contactos comerciais

  O Clúster Audiovisual Galego contou coa colaboración da Agadic, entre outras entidades, para a organización da novena edición deste encontro profesional, que tivo lugar esta mañá en Santiago de Compostela

Quince novos proxectos audiovisuais presentßronse diante de produtores de toda Espa˝a no 'pitching' I+P, Ideas para Producir
[29/10/2015]
Máis dun cento de profesionais do audiovisual de toda España reuníronse esta mañá en Santiago arredor do noveno 'pitching' I+P, Ideas para Producir, organizado polo Clúster Audiovisual Galego (Clag), no marco do que se presentaron 15 novos proxectos diante de responsables de canles de televisión, distribuidoras e produtoras audiovisuais.

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria mantén o seu apoio a este encontro, que ten como obxectivo favorecer a apertura de novas vías de negocio e o establecemento de contactos comerciais entre os axentes do sector. Colaboran, así mesmo, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, e do Concello de Santiago de Compostela.

Esta xornada de exposición de proxectos audiovisuais, que puxo en relación os responsables de adquisición de contidos cos produtores que buscan financiamento, comercialización ou distribución para as súas obras, foi inaugurada polo presidente do Clag, Andrés Barbé; o director da Agadic, Jacobo Sutil; o presidente do Consello Territorial da SGAE en Galicia, Juan Rivas; e do director da Área de Competitividade do Igape, Norberto Penedo.

Abrir oportunidades de negocio
Na súa intervención, Jacobo Sutil subliñou a gran oportunidade que para as produtoras e os creadores galegos supón este evento á hora de espertar o interese nos seus proxectos por parte dos distintos axentes da industria audiovisual, ben se trate de produtoras análogas, distribuidoras, canles de televisión, inversores ou socios potenciais. “E, polo tanto, unha posibilidade adicional e importantísima para establecer contactos, abrir novas vías de negocio e fomentar o intercambio de profesionais e coñecemento”, engadiu.

Co Auditorio de Galicia como escenario, ao longo de toda a mañá déronse a coñecer un total de 15 proxectos audiovisuais de cine e televisión de toda España. En concreto, presentáronse dez formatos para televisión, tres longametraxes e dous documentais. Os responsables dos proxectos, elixidos entre máis de 40 inscritos, contaron con 10 minutos para atraer o interese do panel de directivos de canles de televisións estatais e autonómicas, axentes de distribuidoras e responsables de produtoras que asistiron ao 'pitching'.

Atopábanse entre eles destacados directivos do audiovisual estatal, como Fernando López Puig (TVE) ou Olga Martínez e Néstor Barreira (Mediaset España). Tamén participaron representantes doutras cadeas e grupos de televisión como Iñaki González (Atresmedia Televisión), Lara López (Movistar+), Paula Jiménez (Mediaset España), Daniel Pérez (Fox), María Contreras (Atresmedia Cine), Fernando Madriñán, Montse Besada e Vanessa Grela (TVG), Natalia Martínez (Aragón TV) e Alfonso Martínez (R), así como os axentes de distribuidoras Fernando Riera (A Contracorriente Films), Jaime Comas (Flins e Pinículas) e Clara Santolaria (DeAPlaneta), ou os produtores Carlos Fernández (Filmax), Edmon Roch (Ikiru Films), Javier Pérez de Silva (La Competencia) e Carlos Carballo (Voz Audiovisual).

Reunións persoais
A xornada do Clag continuará pola tarde no Hotel NH Collection, onde están previstas máis dun cento de reunións persoais, nas que os responsables dos proxectos terán a oportunidade de analizar máis ao detalle os mesmos, en busca de compromisos por parte dos profesionais que culminen na materialización de acordos comerciais.
 
Esta novena edición do I+P, Ideas para Producir estivo precedida da celebración onte do foro 'A ficción nacional. Claves para o éxito', no que se analizaron os factores que poden favorecer a boa acollida das propostas. Durante a sesión tamén se debateu sobre as diferencias entre a produción de series de ficción para as canles autonómicas e as nacionais.