Novas
Teatro de Ningures protagoniza mañá a segunda estrea absoluta de Galicia Escena PRO co espectáculo 'Unhas poucas picadelas'



[03/11/2015]
Teatro de Ningures protagonizará mañá mércores 4 a segunda estrea absoluta inserida na carteleira de 'Galicia Escena PRO', o mercado profesional das artes escénicas que organiza a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) desde hoxe e ata o vindeiro venres en diferentes espazos de Santiago de Compostela.
'Unhas poucas picadelas' é o título do novo espectáculo da compañía galega, que afonda na lacra da violencia de xénero a partir dun texto da dramaturga madrileña Laila Ripoll, premio nacional de Literatura Dramática 2015. Casilda Alfaro, Machi Salgado e Pepa Barreiro compoñen o trío interpretativo desta montaxe, dirixida por Etelvino Vázquez, que poderá verse no Salón Teatro ás 22.00 horas.
Porén, a segunda xornada de actividade de 'Galicia Escena Pro' arrancará xa pola mañá na sede compostelá da Fundación SGAE con dúas propostas pensadas para os espectadores máis novos: 'Don Quixote, unha comedia gastronómica' (10.00 h), de Limiar Teatro, e 'Luppo' (11.15 h), montaxe coa que Baobab Teatro obtivo recentemente o premio ao mellor espectáculo para público infantil e familiar na XVIII Feria de Teatro de Castilla y León.
As acrobacias aéreas, en combinación coa danza e a música en directo, presentaranse nesta terceira edición do mercado da man de AIREnoAR e o seu espectáculo homónimo, dirixido por Rut Balbís e coas interpretacións de Álvaro Reboredo e María Move. Será ás 17.30 horas no Auditorio Abanca.
Gran formato
A continuación, será a quenda de Sarabela Teatro, que chega a 'Galicia Escena PRO' con 'Ensaio sobre a cegueira', versión da obra mestra do premio Nobel portugués José Saramago, que a compañía ourensá leva ás táboas a través dunha montaxe de gran formato.
A peza conta coa interpretación a cargo de nove actores e actrices dirixidos por Ánxeles Cuña Bóveda, autora tamén da dramaturxia a partir da novela orixinal. Inclúe, ademais, unha filmación cinematográfica, gravada no hospital psiquiátrico de Toén e realizada expresamente por Jorge Coira e Gaspar Broullón. Esta función terá lugar no Teatro Principal, ás 19.00 horas.
Esta xornada incluirá, así mesmo, a segunda sesión de 'showcases' do mercado galego das artes escénicas, que se desenvolverá a partir das 13.00 horas no Salón Teatro e estará especialmente dedicada a propostas para público familiar. Nela participarán Artello Teatro cun fragmento de 'Non toques os meus círculos', Berrobambán con 'Xurdefet', Matrioshka Teatro con 'Manawee', e o Mago Xacobe con 'Baraka'.
Retirada de convites
Ademais dos máis 120 profesionais acreditados, o público xeral tamén pode asistir de xeito gratuíto a todas estas funcións ata completar a capacidade das salas. As invitacións para cada espectáculo poderán retirarse na billeteira do espazo correspondente desde unha hora antes do inicio.
Ao tempo, mañá continuará a actividade de intercambio estritamente profesional coa celebración dos II Encontros Cofae (Coordinadora de Ferias de Artes Escénicas del Estado Español) e mais unha nova xuntanza entre todos os asistentes ao mercado.
-Galicia Escena PRO