A Axencia Galega das Industrias Culturais coproducirá o espectáculo coreográfico 'Son' coa compañía Nova Galega de Danza

  Jaime Pablo Díaz e Carlos Rodríguez dirixirán a montaxe, que contará con nove bailaríns e con música orixinal en directo

A Axencia Galega das Industrias Culturais coproducirá o espectáculo coreográfico 'Son' coa compañía Nova Galega de Danza
[19/11/2015]
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a compañía Nova Galega de Danza asinaron hoxe un contrato de contido artístico para a coprodución e distribución posterior de ‘Son’, un espectáculo que abordará a danza tradicional galega desde un punto de vista actual.

Segundo o documento rubricado na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, polo director da Agadic, Jacobo Sutil, e polo director de Nova Galega de Danza, Jaime Pablo Díaz, a compañía recibirá un total de 49.005 euros entre as anualidades de 2015 e 2016 coa finalidade de montar este espectáculo coreográfico, do que terán que levar a cabo un mínimo de seis representacións, incluída a estrea.
 
O contrato é o resultado dun procedemento de licitación posto en marcha pola Agadic, que continúa a apoiar a produción de danza en Galicia a través do Centro Coreográfico Galego (CCG), como xa fixera en 2015 co espectáculo ‘Atlántica’, coproducido xunto coa compañía coruñesa BalletNorte. Seguindo esta dinámica, o CCG contribuirá tamén coas súas instalacións e medios técnicos e humanos á materialización do novo proxecto de Nova Galega de Danza, unha das formacións de máis consolidada traxectoria do país.
 
Para ‘Son’, Jaime Pablo Díaz e Carlos Rodríguez únense, por primeira vez, para concibir un espectáculo moi especial e con patente orixinalidade. Os dous artistas exercerán tanto de coreógrafos como de bailadores para crear esta nova peza. Contarán, ademais, coa colaboración do director de  escena Alberto Velasco e do coreógrafo contemporáneo Carmelo Segura, así como cun corpo de baile de nove integrantes en total. O espectáculo ofrecerá a interpretación musical en directo de composicións orixinais.
 
Os traballos de Nova Galega de Danza adoitan fusionar en vivo danza e música de raíz galega, mesturando tradición e vangarda con vocación universal. O seu primeiro espectáculo foi ‘Alento’ en 2005, finalista aos premios MAX; e viñeron despois outros éxitos como ‘Dez’, ‘Engado’ ou ‘Tradicción’. Entre as súas últimas actuacións internacionais está a que levaron a cabo para festexar o día dedicado a Galicia na Exposición Universal de Milán o pasado mes de setembro.

-Web de Nova Galega de Danza