O I Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia reúne hoxe en Ourense 27 entidades e produtoras dos dous países

  A Agadic e o Instituto do Cinema e do Audiovisual portugués organizan este foro bilateral no marco do XX Festival de Cine Internacional de Ourense

  O evento estrutúrase arredor de preto de 70 xuntanzas personalizadas, durante as que as compañías inscritas buscarán socios para os seus novos proxectos cinematográficos e televisivos

O I Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia reúne hoxe en Ourense 27 entidades e produtoras dos dous países
[20/11/2015]
Os representantes de 27 entidades e produtoras portuguesas e galegas están a participar hoxe en Ourense no I Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia, organizado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e o Instituto do Cinema e do Audiovisual de Portugal (ICA) no marco do XX Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF).

Este foro bilateral desenvólvese no Centro Cultural Marcos Valcarcel, onde os participantes foron recibidos polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director da Agadic, Jacobo Sutil, e o director de Relacións Institucionais do ICA portugués, Nuno Fonseca. Tras esta benvida, deron comezo as primeiras das preto de 70 reunións 'one to one' concertadas pola organización para que os responsables das compañías acreditadas entren en contacto directo con potenciais socios estratéxicos cara á coprodución de proxectos para cinema e televisión.

Ademais dos representantes do ICA e da Consellería de Cultura e Educación, que manterán tamén unha xuntanza institucional co obxectivo de afondar en fórmulas que contribúan a estreitar lazos entre as industrias audiovisuais de ambos os países, este primeiro encontro de coprodución está a propiciar o intercambio entre 14 entidades galegas e 11 portuguesas.

Empresas asistentes
Pola banda galega, participan a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), Abano Producións, Agallas, Cinemar, Esferobite, Esmerarte Industrias Creativas, Ficción Producciones, Filmanova, Formato Producciones, Frida Films, Ladybug Films, Portocabo, Voz Audiovisual e Televisión de Galicia (TVG). Desde Portugal desprazáronse ata a cidade das Burgas os representantes de David & Golias, Fado Filmes/ Loudness Films / Addict, Frame Productions, HOP! Produçao Audiovisual Unipersonal, Lightbox, MarginalFilmes, Nutri Ventures Corporation, Papaveronoir Filmes, SP Televisão, Take 2000 e Radio Televisão de Portugal (RTP).

Os participantes suman un total de 38 proxectos en fase de desenvolvemento, 23 cinematográficos e 15 televisivos, que están a ser postos en común nas roldas de reunións co obxectivo de ampliar as súas oportunidade de financiamento. Así mesmo, a organización agarda que este I Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia sente as bases cara á apertura de novas canles de distribución e difusión destas propostas, ao tempo que favoreza o intercambio de profesionais técnicos e artísticos a ambas as beiras do Miño.