A Agadic colabora con Escena Galega na organización en Culturgal dunha xornada sobre a xestión pública de redes de espectáculos

  Xa está aberto o prazo de inscrición neste foro profesional, que terá lugar o sábado 5 de decembro en Pontevedra no marco da Feira das Industrias Culturais

  O obxectivo é analizar e debater sobre o funcionamento destes circuítos a través do coñecemento de experiencias promovidas a nivel autonómico, como a rede vasca Sarea, e estatal, como Danza a Escena ou Platea

A Agadic colabora con Escena Galega na organización en Culturgal dunha xornada sobre a xestión pública de redes de espectáculos
[23/11/2015]
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora coa asociación Escena Galega na organización da 'Xornada profesional sobre xestión de redes de artes escénicas', que terá lugar o sábado 5 de decembro en Pontevedra como parte da programación de Culturgal.

Escena Galega, integrada por un total de 38 compañías da nosa Comunidade, promove este foro profesional co obxectivo de analizar e debater sobre o funcionamento destes circuítos, a partir do coñecemento de experiencias existentes noutros puntos de España en relación á xestión, promoción e difusión das artes escénicas a través de redes públicas de distribución.

O encontro está dirixido tanto aos integrantes das compañías profesionais de artes escénicas como a técnicos de cultura municipais, programadores e xestores culturais. O acceso será libre, previa inscrición a través do formulario que se pode solicitar ao correo electrónico info@escenagalega.com ou descargar desde a sección de avisos do web da Agadic.

Tres mesas
A xornada arrancará cun relatorio sobre a Rede Vasca de Teatros SAREA, circuíto integrado por 54 teatros e participado polo Goberno Vasco, as deputacións forais e os concellos. A mesa estará moderada por Mercedes Castro, vicepresidenta de Escena Galega, e nela participarán José Luis Ibarzábal Eguibar, do Departamento de Cultura do Goberno Vasco; Nekane Basterretxea, secretaria técnica de coordinación de Sarea; e Amaia Ibáñez, xerente de Eskena-Empresas de Produción Escénica Asociadas de Euskadi.

A xornada de tarde estruturarase arredor doutras dúas mesas. A creadora Begoña Cuquejo será a encargada de presentar a primeira delas, centrada en Danza a Escena, circuíto artístico promovido polo Ministerio de Educación e Cultura, a través do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música (INAEM), e desenvolvido pola Red Española de Teatros en colaboración cos seus espazos asociados co obxectivo de incrementar a presenza da danza na programación cultural mais a súa visibilidade social. Intervirán neste coloquio Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía Castro da Coruña, presidente da Red Nacional de Teatros e Auditorios e coordinador da comisión de Danza a Escena, e Adela Fernández, coordinadora da Red para este circuíto coreográfico.

Esta 'Xornada profesional sobre xestión de redes de artes escénicas' concluirá cunha terceira mesa dedicada ao programa Platea, circuíto estatal para a circulación de espectáculos de artes escénicas en espazos municipais, que organiza o INAEM en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Neste caso, Xosé Paulo Rodríguez será o encargado de presentar as intervencións de Jesús Cimarro, presidente da Federación Estatal de Asociaciones de Empresas de Teatro y Danza (Faeteda), e de Olga Mojón, directora do Teatro Principal de Ourense.

-Programa da xornada
-Formulario de inscrición