A estrea do novo espectáculo da Aula de Teatro da USC abre a carteleira de decembro no Salón Teatro

  Tras as primeiras funcións de ‘Cinzas’ mañá e o mércores, a partir do día 5 chegará a quenda da escena afeccionada co XIV Festival de Teatro Amador Agustín Magán

  Os públicos escolar e familiar protagonizarán a recta final desta programación da man das montaxes ‘Desperta!’ de Pistacatro, ‘A tropa trapalleira’ de Bocaberta e ‘Up2Down’ de Traspediante

A estrea do novo espectáculo da Aula de Teatro da USC abre a carteleira de decembro no Salón Teatro
[30/11/2015]
O Salón Teatro de Santiago encara a recta final de 2015 cunha carteleira que inclúe 17 funcións de teatro, novo circo e danza. As primeiras delas, programadas para mañá día 1 e o mércores día 2 de decembro ás 21.00 horas, serán as correspondentes á estrea de ‘Cinzas’, o novo espectáculo da Aula de Teatro da Universidade de Santiago.
Roberto Salgueiro dirixe esta proposta realizada a partir de diferentes textos de Rodrigo García interpretados por Lara Pouso, Helena Salgueiro, Miguel Gendre, Alba López, Breogán Vila e Julia Ammerman. A entrada é gratuíta, previa retirada dos convites na billeteira do Salón Teatro, que estará aberta desde as 19.00 horas.
 
O teatro universitario dará paso á escena afeccionada da man do Festival de Teatro Amador Agustín Magán, que desenvolverá a súa décimo cuarta edición do 5 ao 8 de decembro. Un ano máis, o espazo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria é, xunto ao Teatro Principal, sede desta mostra durante a que acollerá as montaxes ‘Ulrike no deserto’ de Teatro no Aramio (sábado 5), ‘In Pacem’ de Nova Escena Teatro (domingo 6) e ‘A túa tenrura, Molotov’ de Axóuxere Teatro (luns 7). As funcións no Salón Teatro do festival organizado pola Federación Galega de Teatro Afeccionado terán lugar ás 21.00 horas.
 
Pases escolares e funcións xerais
Xa na súa recta final, esta carteleira achega tres propostas dirixidas ao público infantil e familiar. A primeira delas é o espectáculo de novo circo ‘Desperta!’ de Pistacatro, do que se ofrecerán dous pases matinais para centros educativos os días 9 e 10 e outras dúas funcións ás 20.30 horas o venres 11 e o sábado 12. Natalia Outeiro ‘Pajarito’ dirixe esta montaxe que combina circo, humor e música en directo para afondar na identidade individual, no que nos igual e no que nos diferenza. No elenco, Ariñe Azkue, Aitor Garuz, Manuel Lago e Óscar Páez.
 
Do 15 ao 20 de decembro será a quenda da nova compañía Bocaberta e ‘A tropa trapalleira’, unha proposta para todos os públicos a partir dos 6 anos de idade. Roi Méndez, Carla Capeáns e Beatriz Méndez poñen en escena este catálogo de “trapalladas bélicas” que, a través do humor, invoca a tolerancia e a solución pacífica dos conflitos. Neste caso, as representacións para escolares terán lugar do martes 15 ao venres 18, ás 11.00 horas, mentres que os pases para público xeral serán do venres 18 ao domingo 20, ás 18.00 horas.
 
A compañía Traspediante será a encargada de pechar 2015 no Salón Teatro con ‘Up2Down’, que representará o mércores 30 ás 18.00 horas. A compañía de Paula Quintas e Marta Alonso colabora con Pistacatro na posta en escena deste espectáculo de circo-danza, xestualidade e poesía visual. Dúas bailarinas protagonizan esta historia sobre dous cables de funambulismo e baixo a dirección dun pallaso, Arturo Cobas Lemas.
 
As entradas para estes tres espectáculos estarán á venda no despacho de billetes do Salón Teatro, que abrirá ao público desde dúas horas antes do comezo de cada función.

-Carteleira no web do CDG-Salón Teatro