Román Rodríguez chama en Culturgal á implicación no obxectivo común de potenciar a creación cultural e de incentivar o seu consumo

  O conselleiro de Cultura e Educación participou hoxe na apertura da oitava edición da Feira das Industrias Culturais, que se celebra ata o domingo en Pontevedra

  A Consellería promoverá no seu stand algúns proxectos postos en marcha para dinamizar o sector, tales como os programas audiovisuais e escénicos ou as campañas de animación á lectura, e tamén ofrecerá información sobre Womex 2016

Román Rodríguez chama en Culturgal á implicación no obxectivo común de potenciar a creación cultural e de incentivar o seu consumo
[04/12/2015]
O conselleiro de Cultura e Educación participou hoxe na apertura de Culturgal, a Feira das Industrias Culturais que se celebra ata o domingo en Pontevedra. Unha cita que, segundo dixo, está consolidada como referencia no intercambio profesional, no contacto co público e na promoción de produtos e servizos culturais.

Román Rodríguez  —que estivo acompañado pola concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro; pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Pontevedra Silva, polo presidente da asociación Culturgal, Manuel Bragado; e polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, entre outros— destacou a importancia desta feira “na dinamización creativa e económica da nosa cultura” ao tempo que se configura —dixo— como “unha manifestación da nosa identidade como pobo, porque se expresan os nosos factores diferenciais no ámbito global, coa lingua galega como bandeira”.
 
Neste sentido, o consellerio salientou o apoio e o compromiso da Consellería con este evento a través de dúas iniciativas específicas como son as xornadas de xestión de redes de espectáculos (que terán lugar mañá) e o desenvolvemento do programa ‘Firma e filme’ que se puxo en marcha para fomentar as versións cinematográficas de obras da literatura galega.
 
Implicación común
Así mesmo, o conselleiro subliñou que Culturgal, xunto co resto de actividades culturais que se levan a cabo durante todo o ano, deben confluír nun “obxectivo común” por parte das administracións e dos profesionais, que non é outro que “implicarnos en potenciar a creación cultural e incentivar o seu consumo por parte de todos os galegos e galegas”. 
 
Todos os participantes no acto realizaron tamén unha visita pormenorizada á feira, percorrido ao que se sumaron José Aldea, director de Culturgal; o secretarios xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e mais o director da Axencia Galega das Industrias Culturas (Agadic), Jacobo Sutil.
 
Cinema, escena, música e lectura
Co obxectivo de promover algúns proxectos postos en marcha dende a Consellería para dinamizar o sector das industrias culturais, o stand da Xunta de Galicia achega información sobre o programa Cinemas de Galicia, o mercado Galicia Escena Pro –que vén de celebrarse en Santiago–, as campañas de animación á lectura, o Centro de Emprendemento que funciona na Cidade da Cultura ou os traballos de dinamización lingüística que percorren gran parte dos concellos de Galicia.
 
Ademais, os visitantes poderán atopar información sobre a feira Womex 2016, que se volverá celebrar o ano que vén en Santiago tralo éxito acadado na edición de 2014, e tamén poderán descargar no stand a app da Axenda de Cultura de Galicia, unha aplicación móbil promovida pola Secretaría Xeral de Cultura, coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
 
‘Presume de Culturgal’
Baixo o lema ‘Presume de Culturgal’, a asociación Culturgal, integrada por distintos colectivos profesionais do sector cultural, organizou esta oitava edición da Feira das Industrias Culturais, que acollerá no pazo da Cultura de Pontevedra máis de 150 actividades culturais para todos os públicos, así como diversos foros e encontros especializados e un recinto feiral no que un total de 75 expositores públicos e privados difundirán os últimos produtos e servizos culturais feitos en Galicia.
 
A programación de Culturgal 2015, na que como en anos anteriores ten unha gran presenza a oferta dirixida ao público infantil e familiar, complétase cos concertos que terán lugar na carpa musical instalada na zona exterior contigua ao Pazo da Cultura e coa exposición ‘Somos espazo: simbioses entre arte e arquitectura’, promovida pola Deputación Provincial a través do Museo de Pontevedra.

-Web de Culturgal
-Dossier de Culturgal 2015