Cantos na Maré celebrará unha nova edición o 16 de xaneiro en Pontevedra con Uxía, Narf, a guineana Karyna Gomes e a brasileira Thaïs Morell

  Baixo a dirección artística de Uxía e a musical de Paulo Borges, os artistas convidados ofrecerán un concerto conxunto no Pazo da Cultura que afondará nos vínculos culturais entre Galicia e os países lusófonos

  Os detalles desta duodécima entrega do evento foron adiantados esta mañá nunha das presentacións inseridas no programa de Culturgal

Cantos na Maré celebrará unha nova edición o 16 de xaneiro en Pontevedra con Uxía, Narf, a guineana Karyna Gomes e a brasileira Thaïs Morell
[06/12/2015]
O festival Cantos na Maré celebrará a súa duodécima edición o vindeiro 16 de xaneiro cun concerto que xuntará sobre o escenario do Pazo da Cultura de Pontevedra catro destacadas voces das músicas en lingua galega e portuguesa: a guineana Karyna Gomes, a brasileira Thaïs Morell e os galegos Uxía e Narf.

Os detalles da nova entrega deste Festival Internacional da Lusofonía –iniciativa da produtora Nordesía baixo a dirección artística de Uxía e a musical de Paulo Borges– foron adiantados esta mañá en Culturgal no transcurso dunha presentación conducida pola xornalista Teresa Cuíñas e na que, ademais de Uxía, interviñeron o director da Agadic, Jacobo Sutil, e a concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro.

Como en anteriores edicións, o concerto do 16 de xaneiro virá precedido de varios días de ensaios para que os convidados se coñezan e traballen xuntos no repertorio orixinal que converte cada Cantos na Maré nun espectáculo único, a través do que se busca afondar nos vínculos musicais e culturais entre Galicia e os países da lusofonía.

Os artistas
Desde Guinea Bissau chegará Karyna Gomes, a máis recente revelación musical da África lusófona, que acadou un gran éxito de público co seu disco de debut, producido precisamente polo director musical de Cantos na Maré, Paulo Borges.

Pola súa banda, a brasileira Thaïs Morell achegarálle ao público galego un repertorio afastado de clixés, que a converte nunha creadora orixinal e única, ademais de nunha moi destacada guitarrista e frautista.

A representación galega correrá a cargo de Uxía e Fran Pérez 'Narf' e as súas ‘Baladas da Galiza imaxinaria’, título do seu primeiro disco conxunto. Nesta colaboración, que xorde a raíz dunha xira suramericana que compartiron na primavera de 2014, estes dous grandes da música de Galicia funden os seus respectivos repertorios e presentan varios temas para ofrecerlles aos espectadores un espectáculo intimista, no que todas as cancións teñen detrás unha historia relacionada cunha viaxe, cun encontro ou cunha experiencia vivida a través da música.

-Cantos na Maré 2016. Dossier