Pistacatro actúa esta fin de semana no Salón Teatro de Santiago con 'Desperta!', espectáculo de circo, humor e música en directo

  Ofrece dúas funcións mañá venres e o sábado, ás 20.30 horas, coas que a compañía pecha unha xira de outono que a levou a Outes, Cee, Burela, Lalín e Vilalba

  Natalia Outeiro ‘Pajarito’ dirixe a Ariñe Azkue, Aitor Garuz, Manuel Lago e Óscar Páez nesta montaxe sobre a identidade individual e aqueles aspectos que nos igualan e nos diferencian

Pistacatro actúa esta fin de semana no Salón Teatro de Santiago con 'Desperta!', espectáculo de circo, humor e música en directo
[10/12/2015]
O novo circo preséntase na carteleira de decembro do Salón Teatro de Santiago de Compostela da man da compañía galega Pistacatro e do seu espectáculo ‘Desperta!’, que poderá verse mañá venres día 11 e o sábado 12, ás 20.30 horas, no escenario da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

A montaxe, da que onte e hoxe se ofreceron pases matinais para escolares, chega a Compostela como última parada dunha xira de outono durante a que tamén se representou en Outes, Cee, Burela, Lalín e Vilalba.
 
Circo, humor e a música en directo composta por Fran Pérez ‘Narf’ mestúranse nesta proposta dirixida por Natalia Outeiro ‘Pajarito’ e interpretada por Ariñe Azkue, Aitor Garuz, Manuel Lago e Óscar Páez. En ‘Desperta!’, a técnica ponse ao servizo das emocións para afondar na identidade individual e naqueles aspectos que nos igualan e nos diferencian. Os catro intérpretes achégannos unha historia cotiá persoas correntes nun universo fantástico para nos propoñer unha pregunta: Realmente espertamos ou somos a continuación dos nosos soños?
 
‘Desperta!’ é unha das últimas montaxes asinadas por Pistacatro, colectivo dedicado á creación, produción e distribución de espectáculos de novo circo e cabaré. Actores de teatro, músicos, malabaristas, acróbatas e clowns conforman este heterodoxo grupo, con base de operacións en Ames.
 
Venda de entradas
As entradas para as funcións desta fin de semana no Salón Teatro poderán adquirirse no despacho de billetes, que estará aberto ao público desde dúas horas antes do comezo de cada representación.
 
A programación continuará a semana que vén coa compañía BocAberta e ‘A tropa trapalleira’, unha proposta para todos os públicos a partir dos 6 anos de idade que poderá verse do 15 ao 20 de decembro en pases escolares e funcións xerais. Roi Méndez, Carla Capeáns e Beatriz Méndez poñen en escena este catálogo de “trapalladas bélicas” que, a través do humor, invoca a tolerancia e a solución pacífica dos conflitos.
 
A compañía Traspediante será a encargada de pechar 2015 no Salón Teatro con ‘Up2Down’, que representará o mércores 30 ás 18.00 horas. A compañía de Paula Quintas e Marta Alonso conta, ademais, coa colaboración de Pistacatro para este espectáculo de circo-danza, xestualidade e poesía visual. Dúas bailarinas protagonizan esta historia sobre dous cables de funambulismo e baixo a dirección dun pallaso, Arturo Cobas Lemas.