A Agadic convoca unha nova edición dos premios de literatura dramática Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde

  O Diario Oficial de Galicia publicará as bases dos tres certames o vindeiro luns día 28 e o prazo de recepción de orixinais prolongarase ata o 31 de maio de 2016

  Os galardóns, que suman unha dotación económica total de 24.000 euros, buscan estimular e recoñecer a creación literaria no eido teatral

A Agadic convoca unha nova edición dos premios de literatura dramática Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde
[22/12/2015]
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convocará o vindeiro luns día 28 unha nova edición dos premios Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais, Manuel María de Literatura Dramática Infantil e Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques.

As bases destes galardóns, de periodicidade bienal e cunha dotación económica total de 24.000 euros (6.000 para cada un deles e das submodalidades para público infantil e adulto no caso do Barriga Verde), serán publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) o vindeiro luns día 28 de decembro. O prazo de recepción de orixinais abrirase ao día seguinte desta publicación e prolongarase ata o 31 de maio de 2016.
 
Estímulo e proxección
Os tres premios comparten como obxectivo servir de estímulo á creación literaria no eido dramático, así como procurar o seu maior recoñecemento e proxección social. Neste sentido, ademais da dotación económica, as bases contemplan a posibilidade de que as obras gañadoras sexan publicadas dentro das coleccións de literatura dramática que a Agadic mantén en colaboración con varias editoriais galegas.
 
Poden optar a estes galardóns aquelas persoas físicas que presenten textos teatrais inéditos, escritos en galego normativo e non representados nin premiados noutros certames. Nos tres casos, o tema e a extensión poderán ser libres, aínda que deberán ter en conta o principio de duración normal dun espectáculo teatral, de xeito que non serán admitidas as obras de teatro breve. No caso do Álvaro Cunqueiro e do Manuel María, quedarán igualmente excluídos os textos para teatro de monicreques.
 
Xurado
Para a avaliación de todos os textos recibidos na forma e prazo que indican as bases constituirase un xurado formado por seis persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e escénico: dous expertos en literatura dramática, dous elixidos entre escritores, dramaturgos, autores e adaptadores, e outros dous entre directores de escena e outros oficios teatrais. Para tomar a súa decisión, que deberá ter lugar antes do 15 de novembro de 2016, o tribunal valorará aspectos relacionados coas calidades literaria e dramática, a viabilidade escénica, a especificidade de cada premio e o coidado da lingua.
 
O Premio Álvaro Cunqueiro acadará deste xeito a súa vixésimo terceira edición, manténdose como o galardón literario máis lonxevo de todos os que se desenvolven no ámbito teatral galego, mentres que o Manuel María de Literatura Dramática Infantil celebrará a súa novena entrega e o Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques chegará á duodécima edición.
 
Na anterior convocatoria, os autores e títulos que se fixeron con estes recoñecementos foron Santiago Cortegoso coa obra ‘Raclette’, XXII Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais; Antón Cortizas coa peza ‘Xogando con gatos’, VIII Premio Manuel María de literatura dramática infantil;  Andrea Bayer con ‘O lobo e a lúa’,XI Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques na categoría de teatro para rapaces; e Xavier Lama con ‘Ela, piedade dos suicidas’, XI Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques na categoría de teatro para adultos. As catro obras están publicadas en distintas series de Edicións Xerais de Galicia e de Baía Edicións.

[Na imaxe, tres dos autores premiados na pasada edición dos galardóns]