O Salón Teatro despide mañá unha carteleira anual de 210 funcións coa estrea do espectáculo de danza-circo 'Up2Down'

  Arturo Cobas dirixe ás bailarinas Paula Quintas e Marta Alonso nesta proposta da compañía TrasPediante para todos os públicos

O Salón Teatro despide mañá unha carteleira anual de 210 funcións coa estrea do espectáculo de danza-circo 'Up2Down'
[29/12/2015]
A compañía TrasPediante, co espectáculo de danza-circo ‘Up2Down’, ofrecerá mañá día 30 ás 18:00 horas a última representación de 2015 no Salón Teatro de Santiago. O escenario compostelán rematará coa estrea desta montaxe para todos os públicos unha intensa carteleira anual  de 210 funcións escénicas, concertos e proxeccións audiovisuais.
 
Baixo a dirección de Arturo Cobas e con dramaturxia de Kirenia C. Martínez Acosta, as bailarinas Paula Quintas e Marta Alonso comparten a interpretación de múltiples disciplinas artísticas en ‘Up2Down’, desde a execución coreográfica ata números aéreos e de equilibrio. A proposta parte do inicio dun ‘show’, no que aparecen dúas personaxes surrealistas e os seus obstáculos, contextualizan o momento no que os desexos e as aspiracións de cada unha se atopan e inician unha viaxe emocional ata chegar ao entendemento.
 
O espectáculo conta tamén con música orixinal de María Mendoza, deseño de iluminación de Javier Quintana e asistencia de dirección de Natalia Outeiro. 
 
Escena, música e cine
Os eventos realizados no Salón Teatro combinaron teatro, danza, música e cinema. Ademais da presenza destacada das producións e coproducións do Centro Dramático Galego, o espazo compostelán exhibiu traballos doutras compañías galegas e non galegas e cedeu as súas dependencias a colectivos culturais universitarios e de base.
 
Así, nunha clasificación por xéneros, no conxunto de actividades leváronse a cabo 97 funcións escénicas, 95 proxeccións audiovisuais e 18 concertos musicais ao longo de dous períodos de programación: de xaneiro a xullo e de outubro a decembro.
 
As entradas para asistir á estrea de ‘Up2Down’ poden adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. Despois desta última representación de 2015, o Salón Teatro retomará o 8 de xaneiro a súa actividade coa representación do espectáculo ‘Querido Tomás’, baseado na obra de Xosé Neira Vilas, a cargo da compañía  My Art Project.

-Web de TrasPediante
-Cartel de 'Up2Down'