A Rede Galega de Música ao Vivo abre 2016 cunha carteleira semestral de 126 actuacións e a incorporación de cinco novas salas

  O Con do Moucho da Ila de Arousa, A Cova dos Trasnos das Pontes, Bar O Latas de Celanova, Pub O Muíño de Cervo e Sónar de Santiago estréanse esta temporada como locais asociados ao circuíto que xestiona a Agadic

  Un total de 42 grupos musicais, catro compañías teatrais e tres de maxia danlle forma á programación que se desenvolverá ata xuño en 33 espazos de 23 localidades

A Rede Galega de Música ao Vivo abre 2016 cunha carteleira semestral de 126 actuacións e a incorporación de cinco novas salas
[17/01/2016]
A Rede Galega de Música ao Vivo, un dos tres circuítos de exhibición de espectáculos que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria xestiona a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), programará 126 concertos e actuacións escénicas durante este primeiro semestre de 2016.

Esta actividade esténdese a 23 localidades das catro provincias a través de 33 dos locais asociados á rede, mediante a que se busca atender as necesidades de difusión dos grupos e intérpretes musicais galegos.

Como novidade, durante este período estréanse como salas do circuíto O Con do Moucho da Illa de Arousa, A Cova dos Trasnos das Pontes de García Rodríguez, Bar O Latas de Celanova, Pub O Muíño de Cervo e Sala Sónar de Santiago de Compostela. Xunto con estas cinco localidades, contan tamén con espazos en rede A Coruña, Allariz, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cangas, Culleredo, Ferrol, Laxe, Lugo, Melide, Moaña, O Barco de Valdeorras, O Grove, Ourense, Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa.
 
Investimento
Os concertos constitúen a oferta predominante na Rede Galega de Música ao Vivo, que neste primeiro semestre acollerá 116 citas musicais protagonizados por 49 grupos ou solistas, galegos na súa meirande parte. Das actuacións restantes, seis son representacións escénicas e catro de maxia. O desenvolvemento desta programación, suporá un investimento total de 57.034 euros, ao que a Agadic achega 48.443,90 euros e as 33 salas programadoras os 8.590,10 restantes. Cóntase, ademais, coa colaboración da Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo Clubtura.
 
Dentro desta carteleira, que arrancou o pasado día 2 co recital de Nani García Trío no Café-Concerto Jazz Filloa da Coruña, hoxe domingo terá lugar ás 20.30 horas un concerto de Davide Salvado (na imaxe) no Garufa Club, tamén na Coruña.
 
Estilos
A programación abrangue moi diversos estilos musicais, que van das diferentes achegas ao blues de Adrián Costa, Aló Djangó Cuarteto, Miki Nervio and The Bluesmakers, New Orleans Trio, The Big Lis Gumbo Band, Víctor Aneiros ou Xardín Desordenado ao folk de Caxade, Davide Salvado e Susana Seivane, pasando polo jazz de Daniel Díaz Trío, Diana Tarín & Alberto Vilas Quartet, Javier Marcos Quinteto e Nani García Trío; os cantautores Cesar de Centi, Emilio Rúa, Fernando Tato, MJ Pérez e Xoán Curiel, o ska de Dakidarría e Ganjahr Family, a fusión de Chotokoeu ou o hip-hop de Sokram.
 
Nos diferentes terreos do rock, o pop e a música alternativa sitúanse, ademais, Agoraphobia, De Vacas, Eladio y Los Seres Queridos, Frik&Paldis, Historias de Una Largartija, Igloo, IGMIG, Ivy Moon, Los Mecánicos, Maryland, Nicolás, Sleeping Cat, Superoito, The Soul Jacket, Tincho Fernán, Toma 612, Tractor Troy, Trioceros e Villanueva.
 
Completan esta relación de formacións programadas na Rede Galega de Música ao Vivo Elástica & Cía, Lucecús Teatro, Producións Dispersas e Rubén Riós, no apartado escénico, e Javier Muro, o Mago Teto e o Mago Gusi en maxia.  
 
A Rede Galega de Música ao Vivo conforma xunto á Rede Galega de Teatros e Auditorios e á Rede Galega de Salas a carteleira de exhibición escénica e musical máis ampla de Galicia, á que se suman ademais os diferentes ciclos que a Agadic promove no marco de eventos puntuais.
 
A programación das tres redes pode consultarse nos webs www.cultura.gal/gl/axenda e www.agadic.gal/Axenda.