O CGAI explora o cinema español independente a través dos cinco títulos do ciclo 'Banda Aparte'

  Este especial arranca mañá co filme ‘La señora Brackets, la niñera, el nieto bastardo y Emma Suárez’, que será presentado na Coruña pola actriz Cruz López-Cortón

  Ata finais de febreiro programaranse ‘El apóstata’, ‘Sueñan los androides’, ‘No todo es vigilia’ e ‘Un día perfecto para volar’ como exemplo da produción realizada nas marxes da industria e que se exhibe principalmente en festivais e salas alternativas

O CGAI explora o cinema español independente a través dos cinco títulos do ciclo 'Banda Aparte'
[21/01/2016]
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) programa a partir de mañá e ata finais de febreiro o ciclo ‘Cine español: banda aparte’, no marco do que se exhibirán na súa sede da Coruña cinco títulos de recente produción como exemplo do cinema independente que se está a facer nas marxes da industria audiovisual.

Reúnense neste especial películas de moi diferentes xéneros e temáticas, pero que teñen como común denominador a súa condición de produtos alternativos, que non adoitan facerse un oco nos circuítos comerciais, de xeito que a súa principal canle de difusión son os festivais e as salas alternativas. Os filmes seleccionados son ‘La señora Brackets, la niñera, el nieto bastardo y Emma Suárez’, de Sergio Candel, que se proxectará mañá venres 22; ‘El apóstata’, de Federico Veiroj, o día 26; ‘Sueñan los androides’, de Ion de Sosa, o 2 de febreiro; ‘No todo es vigilia’, de Hermes Paralluelo, o 16 de febreiro; e ‘Un día perfecto para volar’, de Marc Recha, o 23 de febreiro.
 
A proxección de mañá, programada ás 20.30 horas, será presentada pola actriz Cruz López-Cortón, unha das intérpretes do filme de Sergio Candel, que combina o melodrama cómico, o drama e o xogo do absurdo para nos achegar unha historia de intrigas familiares.
 
O ciclo estenderase ata finais de febreiro, con sesións dobres (ás 18.00 e 20.30 horas) todos os martes. Exhibiranse, nesta orde, a coprodución ‘El apóstata’, premio FIPRESCI no Festival Internacional de Cine de San Sebastián; ‘Sueñan los androides’, un filme difícil de catalogar que bebe do cine negro, o esperpento español, a comedia surreal, o diario e a distopía; ‘No todo es vigilia’, un documental que retrata o amor na vellez; e ‘Un día perfecto para volar’, unha pequena historia preciosista na que un pai e un fillo constrúen o conto dun xigante que sempre ten fame.
 
A programación completa do Centro Galego de Artes da Imaxe, así como a información sobre horarios e venda de entradas, pode consultarse no web www.cgai.gal.