O CGAI crea a nova sección 'Contextos' para poñer en relación películas actuais con outros títulos de todos os tempos

  ‘The Assassin’, pola que Hou Hsiao-Hsien obtivo o premio ao mellor director en Cannes, abre a partir de mañá este apartado con outros dous filmes do xénero ‘wuxia’ asinados por Wong Kar-Wai

  En febreiro será a quenda da produción alemá ‘Phoenix’, de Christian Petzold, que se confrontará cos clásicos ‘Berlín Occidente’, de Billy Wilder, e ‘Vértigo’, de Alfred Hitchcock

O CGAI crea a nova sección 'Contextos' para poñer en relación películas actuais con outros títulos de todos os tempos
[26/01/2016]
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) incorpora un novo apartado á súa relación de seccións habituais que, baixo o epígrafe ‘Contextos’, confrontará destacados filmes actuais con outros títulos clásicos e contemporáneos desde diferentes puntos de vista, como o temático, o estilístico ou o ambiental, entre outros.

A nova sección arrancará esta semana coa proxección mañá mércores de ‘The Assassin’, película na que o realizador taiwanés Hou Hsiao-Hsien reinventa o cinema de artes marciais e polo que acadou o premio á mellor Dirección na pasada edición do Festival de Cine de Cannes. A acción do filme sitúase na China do século IX, onde unha moza regresa á casa familiar convertida nunha auténtica xusticeira cuxa misión é eliminar os tiranos.
 
‘The Assassin’ porase en relación con outras dúas aproximacións autorais ao xénero ‘wuxia’, ambas as dúas asinadas por Wong Kar-Wai: ‘Ashes of Time Redux’, que se proxectará o xoves 28, e ‘The Grandmaster’, prevista para o venres 29.
 
Segunda achega
Xa en febreiro, será a quenda de ‘Phoenix’, produción alemá dirixida por Christian Petzold e premio FIPRESCI na edición de 2014 do Festival Internacional de Cine de San Sebastián. A fita achéganos a historia de Nelly, unha sobrevivente de Auschwitz, quen regresa ao seu Berlín natal gravemente ferida e coa cara desfeita, pero coa firme determinación de atopar o seu home Johnny, o amor da súa vida. O filme exhibirase o martes 24 de febreiro.
 
Antes proxectaranse as dúas longametraxes que lle serven aquí de contexto: ‘Berlín Occidente’, de Billy Wilder, programada para o 10 de febreiro, e ‘Vértigo’, de Alfred Hitchcok, para o 17 de febreiro. A través delas, propónselles aos espectadores un itinerario desde unha dobre perspectiva: a ambiental (o Berlín da posguerra retratado por Billy Wilder) e o temático (a reencarnación dunha muller dada por morta en ‘Vértigo’).
 
 
Todos os filmes da sección ‘Contextos’ exhibiranse na sala coruñesa do CGAI en sesión dobre, ás 18.00 e ás 20.30 horas. A programación completa do Centro Galego de Artes da Imaxe, así como a información sobre horarios e venda de entradas, pode consultarse no web www.cgai.gal.