A Xunta de Galicia pon en marcha 'Cultura no Camiño 2016' para seguir levando espectáculos galegos aos concellos das rutas xacobeas

  Agadic e Turismo de Galicia organizan a cuarta edición deste programa, que despregará a súa nova carteleira do 15 de abril ao 30 de setembro

  As formacións artísticas interesadas en participar teñen de prazo ata o 14 de febreiro para achegar as súas propostas de teatro, danza, música, narración oral, novo circo ou maxia

A Xunta de Galicia pon en marcha 'Cultura no Camiño 2016' para seguir levando espectáculos galegos aos concellos das rutas xacobeas
[28/01/2016]
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e Turismo de Galicia puxeron en marcha a cuarta edición do programa de espectáculos ‘Cultura no Camiño’, que discorrerá entre o 15 de abril e o 30 de setembro en concellos das distintas rutas xacobeas.

O obxectivo de ‘Cultura no Camiño’ é a colaboración coa actividade cultural dos municipios polos que discorren os diferentes Camiños de Santiago, respondendo así á demanda dun público diverso que poderá gozar de concertos e de montaxes de teatro, danza, novo circo, maxia e narración oral, ao tempo que se contribúe á dinamización da contratación dos espectáculos producidos en Galicia.
 
Deste xeito, a partir de hoxe e ata o 14 de febreiro permanecerá aberta a convocatoria para as empresas con sede en Galicia e dedicadas profesionalmente ás artes escénicas e musicais que estean interesadas en participar na nova entrega deste ciclo. O trámite debe realizarse a través da web www.galescena.info, onde cómpre rexistrar os espectáculos propostos. Con todos os títulos, a Agadic conformará un catálogo online de ofertas que se lles trasladará aos programadores culturais municipais para que seleccionen as súas preferencias e compoñan os seus calendarios.
 
Financiamento compartido
Para os concellos, que están obrigados a asumir un mínimo de dúas actuacións e a presenza cando menos de dúas disciplinas artísticas diferentes, o prazo de inscrición comezará mañá día 29 e rematará tamén o próximo 14 de febreiro. Como nas anteriores edicións, o financiamento das actuacións realízase de xeito compartido entre a Xunta de Galicia e as administracións locais inscritas, en diferentes porcentaxes de acordo co número de habitantes de cada localidade.
 
Coa convocatoria para 2016 de ‘Cultura no Camiño’ dáse continuidade a este programa máis alá do motivo da súa creación en 2013 como unha das primeiras accións conmemorativas do oitavo centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela. En 2015 esta iniciativa chegou ata 93 municipios das catro provincias a través dunha carteleira con máis de 316 actuacións escénicas e musicais de todos os estilos, que se realizaron con acceso gratuíto para o público tanto en localizacións ao aire libre como en espazos pechados.

-Normativa de Cultura no Camiño 2016
-Convocatoria para a inscrición de espectáculos e concertos