A carteleira semestral do Teatro Municipal de Tui ofrece sete espectáculos como parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios

  A nova programación que este espazo desenvolverá ata xuño está conformada por un total de 10 propostas de teatro, música, maxia e cinema

  O director da Agadic destacou na presentación desta axenda cultural o papel do escenario tudense como integrante destacado do circuíto de exhibición que a Xunta de Galicia promove xunto a preto de 40 entidades asociadas

A carteleira semestral do Teatro Municipal de Tui ofrece sete espectáculos como parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios
[29/01/2016]
O Teatro Municipal de Tui presentou este mediodía a nova carteleira que desenvolverá ata o vindeiro mes de xuño e na que se inclúen un total de dez propostas de teatro, música, maxia e cinema, das que sete forman parte da oferta deste espazo como integrante da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), cofinancia este circuíto xunto a 39 entidades asociadas para ofrecerlles aos espectadores galegos 317 actuacións escénicas e musicais durante este primeiro semestre do ano.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe nesta presentación xunto ao alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; a concelleira de Ensino e Cultura, María José González; o responsable de Cultura da Cámara Municipal da localidade portuguesa de Valença do Minho, José Montes; e o músico tudense Samuel Diz, quen abre esta programación o venres 19 de febreiro cun concerto a través do que achega unha nova perspectiva do papel da guitarra na Xeración do 27.
 
Produción galega
Entre os espectáculos –todos eles de produción galega– ofrecidos no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios tamén hai lugar para a maxia da man de Cayetano Lledó e o seu ‘Máxico Circus Cabaret’ (20 de febreiro), o teatro para público infantil con ‘Gatuxo’ de Magín Blanco (26 de febreiro) e ‘A casa do avó’ de Tanxarina (5 de marzo), e o teatro para público adulto coas montaxes ‘O principio de Arquímedes’ de Teatro do Atlántico (27 de febreiro), ‘Presidente’ de Teatro do Morcego (4 de marzo) e ‘Balor na acción dunha cadeira’ de ArtesaCía (6 de maio).
 
O Teatro Municipal acollerá, a maiores, a proxección dunha película infantil e unha función teatral para bebés, así como un concerto de música clásica da Orquestra do Norte, que chegará á capital do Baixo Miño grazas á liña de intercambio cultural emprendida no marco da Eurocidade Tui-Valença. Toda esta actividade insírese, á súa vez, na axenda local Corredoira, que inclúe outra serie de propostas lúdico-culturais promovidas polo Concello.
 
Trece anos en rede
Na súa intervención, o director da Agadic subliñou que nos seus 13 anos como integrante da Rede Galega de Teatros e Auditorios, o Teatro Municipal de Tui “ten despuntado como un espazo de gran profesionalidade na súa xestión e no seu funcionamento técnico, e de gran capacidade para acadar un incremento e fidelización de públicos”. Jacobo Sutil referiuse, así mesmo, ao vixésimo aniversario que este 2016 cumpre o devandito circuíto escénico da Xunta de Galicia, “a principal canle para a exhibición da produción escénica galega de carácter profesional, á que dota de estabilidade na súa programación habitual a través da oferta dunha capacidade potencial total de 18.096 butacas en 41 escenarios de 38 localidades”.
 
No que respecta á programación global da rede para este primeiro período do ano, explicou que estamos a falar da organización de 317 funcións, das que 286 corresponden a compañías galegas. Delas, 262 son propostas teatrais, 27 musicais, 21 de danza, 4 de maxia e 3 de novo circo. Segundo o responsable da Agadic, estas cifras constitúen unha excelente noticia para os escenarios galegos, xa que supoñen un aumento no número de funcións próximo ao 24 por cento respecto ao mesmo semestre do pasado ano 2015.