A Xunta promoverá en 2016 o audiovisual galego en nove mercados internacionais de Francia, Alemaña, Brasil, Colombia e Arxentina

  O conselleiro de Cultura e Educación presentou hoxe as principais accións do programa de difusión internacional para o sector que a Agadic desenvolve co apoio do Igape e a colaboración do Clúster Audiovisual Galego

  As marcas 'Films from Galicia' e 'Shorts from Galicia' estrean novos catálogos e vídeos promocionais para a súa distribución nas feiras que este ano contarán con representación institucional e/ou empresarial galega

A Xunta promoverá en 2016 o audiovisual galego en nove mercados internacionais de Francia, Alemaña, Brasil, Colombia e Arxentina
[02/02/2016]
O conselleiro de Cultura e Educación presentou o programa de proxección exterior do noso audiovisual que a Xunta levará a cabo este ano en 9 mercados internacionais. Baixo as marcas 'Films from Galicia' e 'Shorts from Galicia', a industria audiovisual estará presente, empregando diferentes fórmulas de participación, nas principais feiras sectoriais a nivel mundial.

Cultura e Educación desenvolve este plan promocional a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e conta, ademais, co apoio económico do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e coa colaboración do Clúster Audiovisual Galego (Clag) para a composición das delegacións empresariais que acoden a estas citas na procura de novas vías de circulación exterior dos seus produtos.
 
Feiras de referencia
Tal e como adiantou Román Rodríguez, este calendario feiral arrancará o luns 8 de febreiro coa presenza galega no mercado do Festival Internacional de Curtametraxes de Clermont-Ferrand (Francia), para continuar do 11 ao 19 de febreiro no European Film Market de Berlín (Alemaña), que se desenvolve en paralelo á Berlinale. As seguintes citas serán tres relevantes convocatorias na cidade francesa de Cannes: o MIPTV (do 4 ao 7 de abril), o Marché du Film que se celebra xunto co emblémático festival de cine francés (do 11 a ao 20 de maio) e o MIPCOM (do 13 ao 16 de outubro). Tamén está prevista a participación do noso audiovisual no MICSUR, o Mercado de Industrias Culturales del Sur que terá lugar en Bogotá (Colombia) do 24 ao 27 de agosto, e mais no encontro Ventana Sur de Bos Aires (do 3 ao 6 de decembro).
 
Como novidade este ano, a Agadic abrirá tamén a convocatoria para organizar cadansúa misión comercial ao Rio Content Market, evento internacional dedicado aos contidos audiovisuais para televisión e medios dixitais que se celebrará en Río de Janeiro (Brasil) do 3 ao 6 de decembro, e ao Sunny Side of The Doc, mercado de referencia para a coprodución e venda de documentais que se desenvolverá do 20 ao 23 de xuño en La Rochelle (Francia).
 
Xunto co conselleiro de Cultura, participaron nesta presentación Jacobo Sutil, director da Agadic; Abel Veiga, director da Área de Internacionalización do Igape; Andrés Barbé, presidente do Clag; e Alfonso Blanco, director xeral de Portocabo, produtora con ampla experiencia na participación en mercados do sector. De feito, esta é unha das 24 empresas audiovisuais galegas que en 2015 recibiron apoio económico para formar parte das cinco misións comerciais organizadas pola Agadic.
 
Coproducións internacionais
Tras o seu paso nos últimos anos por este tipo de feiras, Portocabo impulsou títulos como 'The Avatars', serie coproducida con Italia para Diney Europa a partir de MIPCOM 2015, ou 'Hierro', proxecto de miniserie de televisión premiado como a mellor das cinco propostas do Copro Series de Berlín 2015.
 
Outras iniciativas con produción galega que se orixinaron ou conseguiron novas vías de circulación exterior tras o seu paso por algún destes eventos son 'Lobos sucios', para o que Agallas Films conseguiu en Berlín un acordo de coprodución con Bélxica; 'Migas de pan', de Xamalú Films en coprodución con Uruguai; 'Memorias de un hombre en pijama', proxecto de animación de Ladybug Films que o ano pasado acordou vendas previas no EFM de Berlín; e 'O códice' e 'Hospital real', produtos televisivos para os que Ficción Producciones conseguiu vendas internacionais a raíz da súa participación en MIPTV e MIPCOM. Así mesmo, Filmanova creou no MIPTV a filial Mad Mex Filmanova para promover proxectos con América Latina, entre os que se atopa 'Cortar el puente', serie de televisión coproducida con México e El Salvador e que ten prevista a súa rodaxe para este ano.
 
Coas nove convocatorias de 2016, a través das que a Xunta sufraga parte dos gastos que lles supón ás compañías galegas a participación nestes mercados, darase pois continuidade á dinámica de expansión das empresas e produtos audiovisuais, non só no que se refire á difusión de proxectos, senón tamén ao estreitamento das relacións internacionais cara á coprodución e distribución das novas iniciativas galegas.
 
Novas edicións dos catálogos
En todos estes mercados distribuiranse as novas edicións dos catálogos 'Films from Galicia' e 'Shorts from Galicia', a través dos que se reflicte unha imaxe común orixinal, competitiva e moderna do noso audiovisual, ao tempo que se deixa testemuño da gran variedade da oferta galega tanto a nivel de temáticas como de xéneros ou de formatos. Búscase tamén difundir Galicia como escenario de rodaxe cun gran potencial paixasístico e patrimonial, así como dar conta da gran calidade artística e técnica dos profesionais que conforman o noso sector.
 
 
Na súa entrega de 2016, 'Films from Galicia' recompila un total de 57 producións e proxectos, mantendo a súa estrutura orixinal en catro grandes bloques: 'Pics' para longametraxes de ficción, 'Toons' para diferentes formatos de animación, 'Docs' para os documentais e 'TV' para series, telefilmes e programas televisivos. A edición deste catálogo, en inglés e tanto en formato físico como en liña no web da Agadic, refórzase cun vídeo promocional baixo a mesma marca, a través do que tamén se ofrece a imaxe dunha industria puxante e aberta ao mundo.
 
Esta visión conxunta do sector audiovisual galego compleméntase co catálogo 'Shorts from Galicia', dedicado especificamente a promover as curtametraxes e cuxa nova entrega comezará a distribuírse a semana que vén no Festival de Clermont-Ferrand. A publicación inclúe un CD cos cinco traballos seleccionados en 2016: 'Eco', de Xacio Baño; 'Tout le monde aime le bord de la mer', de Keina Espiñeira; 'A liña política', de Santos Díaz; 'Yellow Brick Road', de Eloy Domínguez Serén, e 'Fálame do silencio', de Lois Blanco Araúxo.
 
-Films from Galicia
-Shorts from Galicia
-Vídeos promocionais