O ciclo 'Ollos ávidos' do CGAI ofrécelles aos espectadores 37 obras mestras do cine de vangarda norteamericano

  Esta antoloxía, que se presenta na Coruña en colaboración co Museo Reina Sofía, recompila filmes recentemente restaurados que exemplifican as múltiples traxectorias trazadas polo cine experimental estadounidense entre os anos vinte e setenta

  O especial, que arranca mañá xoves cun programa dedicado á década dos vinte, está comisariado polo investigador Bruce Posner

O ciclo 'Ollos ávidos' do CGAI ofrécelles aos espectadores 37 obras mestras do cine de vangarda norteamericano
[03/02/2016]
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) programará desde mañá día 4 e todos os xoves ata finais do mes de febreiro o ciclo ‘Ollos ávidos’, que lles ofrecerá aos espectadores galegos unha escolma cronolóxica de 37 obras mestras do cinema de vangarda norteamericano.

O investigador Bruce Posner é o comisario desta antoloxía, que a filmoteca galega proxectará na súa sede da Coruña en colaboración co Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid.

Os títulos seleccionados, todos eles recentemente restaurados, permiten afondar nas múltiples traxectorias trazadas polo cinema experimental de Estados Unidos entre os anos vinte e setenta do pasado século, período durante o que esa vangarda cinematográfica coincide co desenvolvemento, en sentido oposto, do cine clásico. O título ‘Ollos ávidos’ fai referencia ao “inconsciente óptico” ao que, segundo Walter Benjamin, o espectador cinematográfico accede a través das funcións do seu ollo e grazas á capacidade da cámara de captar e subliñar aquilo que resulta transparente, invisible ou inaprensible na vida cotiá.
 
Así, os filmes deste ciclo expresan en termos visuais conceptos, sensacións, estados de ánimos e elaboracións do intelecto, ademais de ter en común diversos principios como a recorrencia á poesía como modelo, o uso de ferramentas plásticas, o rexeitamento da trama narrativa, o desafío á lóxica temporal e uns modos de produción e distribución persoais.
 
Primeira sesión
‘Ollos ávidos’ arrancará mañá xoves, ás 20.30 horas, cun primeiro programa dedicado aos anos vinte coas proxeccións de ‘Manhatta’, de Charles Sheeler e Paul Strand; ‘Ballet mécanique’, de Fernand Léger e Dudley Murphy; ‘Anémic Cinéma’, de Rose Sélavy (pseudónimo de Marcel Duchamp); ‘The life and Death of 9413-A Hollywood Extra’, de Robert Florey e Slavko Vorkapich, e ‘Skyscraper Symphony’, de Robert Florey.
 
A través destes títulos comprobarase como estes primeiros cineastas se debaten entre o entusiasmo fetichista e o escepticismo perante o progreso industrial e tecnolóxico que segue ao final da Primeira Guerra Mundial. Este cine encontra un dos seus obxectos centrais na cidade moderna concibida como unha sinfonía urbana, como en ‘Manhatta’ ou ‘Skyscraper Symphony’. Ademais, é a época na que as estéticas das vangardas europeas desembarcan en Estados Unidos, tal e como se reflicte na comicidade mecanicista de ‘Ballet mécanique’, na parodia tráxica do antiheroe de ‘The Life and Death of 9413’ ou, de modo máis conceptual, nas pescudas sobre a linguaxe e a visión formuladas en ‘Anémic Cinéma’.
 
O ciclo desenvolverase ao longo de seis sesións, dedicándolle cada unha delas a unha década ata os anos setenta, cando a irrupción das prácticas de vídeo se traduce nunha reformulación das funcións específicas do medio cinematográfico.
 
-CGAI