A Agadic e a Fundación Universidade da Coruña colaboran na 17ª edición do Máster en Produción e Xestión Audiovisual

  A Consellería de Cultura e Educación achega 25.000 euros para afondar na formación de profesionais da produción executiva no ámbito audiovisual a través deste posgrao propio da UDC, organizado pola Fundación Rey Fernández-Latorre

  O plan de estudos combina a visión técnica coa empresarial co obxectivo de capacitar os alumnos para a xestión integral de proxectos desde a súa xestación á súa distribución

A Agadic e a Fundación Universidade da Coruña colaboran na 17ª edición do Máster en Produción e Xestión Audiovisual
[04/02/2016]
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) asinou un convenio de colaboración coa Fundación Universidade da Coruña, mediante o que se achegan 25.000 euros á décimo sétima edición do Máster en Produción e Xestión Audiovisual (MPXA) que se desenvolve durante o curso 2015-16 na Fundación Rey Fernández-Latorre, en Arteixo.

Mantense así a colaboración da Xunta de Galicia con este programa formativo, configurado como un posgrao propio da Universidade da Coruña no que se combinan os aspectos técnicos cos empresariais para ofrecerlle ao alumnado unha formación completa e especializada, centrada fundamentalmente nas tarefas propias da produción executiva audiovisual.
 
O plan de estudos do MPXA, que codirixen José Francisco Sánchez e María José Arrojo, atende á necesaria diversidade de coñecementos para o exercicio da produción executiva, a través dun gran abano de materias entre as que se atopan a análise de guión, técnicas de venda de proxectos, sesións de produción cun enfoque administrativo (propiedade intelectual, contratos, subvencións etc.), nocións de distribución, análise de formatos, políticas de programación ou deontoloxía profesional.
 
Seminario con Pedro Revaldería
O curso remata coa presentación dun proxecto final e a realización de prácticas. Tamén contempla titorías para a supervisión da evolución do alumnado, foros e seminarios sobre contidos complementarios, ademais de sesións de ‘pitching’ nas que os estudantes defenden os seus propios proxectos ante profesionais do sector. Mañá venres, por exemplo, contarase coa presenza en Arteixo de Pedro Revaldería, conselleiro delegado de Producciones Mandarina, quen analizará as técnicas de xeración, xestión e produción de ideas en televisión, así como o ciclo de vida dun formato televisivo e os factores clave do seu éxito.
 
Desde 1999, o Máster en Produción e Xestión Audiovisual contribuíu á formación de máis de 200 profesionais, moitos dos cales forman parte hoxe en día dos cadros de persoal de destacadas produtoras audiovisuais tanto nacionais como internacionais. Así, polas primeiras promocións do Máster pasaron alumnos como Teresa Fernández-Valdés (Bambú Producciones), Emma Lustres e Borja Pena (Vaca Films) ou Fernanda del Nido (Setembro Cine), entre outros.

-Máster en Produción e Xestión Audiovisual