'Shorts From Galicia' leva catálogo a Clermont-Ferrand con curtas de Xacio Baño, Lois Blanco, Keina Espiñeira, Santos Díaz, e Eloy Domínguez

  A Agadic conta cun espazo de difusión para a produción galega de curtametraxes no mercado deste prestixioso festival francés, que arrancou onte coa asistencia de máis de 3.600 profesionais de 92 países

  A representación galega esténdese ao foro de coprodución Euro Connection 2016, no que participará Chelo Loureiro, de Abano, como única produtora española convidada

'Shorts From Galicia' leva catálogo a Clermont-Ferrand con curtas de Xacio Baño, Lois Blanco, Keina Espiñeira, Santos Díaz, e Eloy Domínguez
[09/02/2016]
A Axencia Galega das Industrias Culturais da Consellería de Cultura e Educación está a promover a máis recente produción de curtas galegas na 31ª edición do mercado do Festival Internacional de Curtametraxes de Clermont-Ferrand, que deu comezo onte nesta localidade francesa coa asistencia de máis de 3.600 acreditados de 92 países.

Este prestixioso evento, considerado como a principal cita mundial para os profesionais deste ámbito audiovisual, supón así mesmo o arranque da distribución da nova edición do catálogo 'Shorts from Galicia', para o que foron seleccionados os últimos traballos de Xacio Baño, Keina Espiñeira, Santos Díaz, Eloy Domínguez Serén e Lois Blanco Araúxo.

O de Clermont-Ferrand é o primeiro dos nove encontros nos que o audiovisual galego contará con representación este ano no marco do programa de internacionalización que a Agadic vén desenvolvendo co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a colaboración do Clúster Audiovisual Galego (Clag). Este calendario feiral inclúe, así mesmo, o European Film Market de Berlín (Alemaña), que comeza este xoves en paralelo á Berlinale, o MIPTV, o Marché du Film e o MIPCOM de Cannes (Francia), o Sunny Side Of The Doc da tamén localidade francesa de La Rochelle, o MICSUR de Bogotá (Colombia), o Ventana Sur de Bos Aires (Arxentina) e o RioContentMarket de Río de Janeiro (Brasil).

'Stand' con espazo propio
No caso de Clermont-Ferrand, o audiovisual galego dispón dun espazo propio dentro do ‘stand’ paraugas coordinado polo Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA) e compartido con outros organismos autonómicos e entidades de Madrid, Canarias, Cataluña, Comunidade Valenciana, Estremadura e País Vasco, ademais de con varias das principais distribuidoras españolas no ámbito das curtametraxes.

Desde este expositor, estase a distribuír entre os profesionais acreditados (representantes de produtoras, distribuidoras, televisións, festivais e axentes de vendas internacionais) a nova edición do catálogo 'Shorts from Galicia', no que se recollen cinco destacados títulos de recente produción a través dos que se busca dar conta do bo momento creativo que está a vivir o audiovisual galego.

Trátase de 'Eco', de Xacio Baño, estreado na pasada edición do Festival de Locarno e galardoado no Zinebi Bilbao, L'Alternativa de Barcelona e Alcine; 'Tout le monde aime le bord de la mer', polo que Keina Espiñeira acaba de recibir unha mención no International Film Festival Rotterdam grazas á que competirá na categoría de curtametraxes dos próximos Premios do Cine Europeo; 'A liña política', de Santos Díaz, filme estreado na pasada edición de Cineuropa; 'Yellow Brick Road', documental de produción galego-sueca rodado por Eloy Domínguez Serén nun campo de refuxiados saharauís de Tindouf (Alxeria); e 'Fálame do silencio', primeiro proxecto audiovisual asinado por Lois Blanco Araúxo.

Do mesmo xeito que o festival que o acolle, o mercado de Clermont-Ferrand consolidouse nos últimos anos como a primeira plataforma internacional para a industria cinematográfica que se desenvolve arredor da produción de curtas, así como para impulsar as carreiras dos talentos emerxentes.

Xunto coa actividade promocional e comercial, a feira acolle outra serie de actividades como ‘showcases’, conferencias, debates e o Euro Connection, un foro centrado na procura de coproducións a nivel europeo a través de sesións de ‘pitching’ e reunións personalizadas. Este ano hai tamén representación galega no programa deste Euro Connection, no que está a participar Chelo Loureiro, de Abano Producións, como única produtora española convidada.

-Catálogo 'Shorts From Galicia' 2016
-Web do festival de Clermont-Ferrand