A compañía Matrioshka presenta 'Manawee' este sábado en función dobre no Salón Teatro

  A formación que integran Anabell Gago, Lorena Conde e Chelo do Rejo trae a Santiago o seu segundo espectáculo, con pases ás 18:30 e ás 21:00 horas

  Uxía P. Vaello dirixe esta proposta escénica, que fala das emocións que se dan na última etapa da infancia

A compañía Matrioshka presenta 'Manawee' este sábado en función dobre no Salón Teatro
[11/02/2016]
A compañía galega Matrioshka representará este sábado día 13 de febreiro no Salón Teatro de Santiago de Compostela o seu último espectáculo, ‘Manawee’, unha proposta para público familiar que fala das emocións da última etapa da infancia, e que poderá verse no espazo da Consellería de Cultura e Educación en dobre función, ás 18.30 e 21.00 h.

‘Manawee’ é a segunda creación do grupo teatral que integran Anabell Galego, Lorena Conde e Chelo do Rejo, despois do seu debut en 2013 con ‘C’est la vie’ ás ordes de Marta Pazos. Nesta ocasión, o trío interpretativo volve aos escenarios cunha produción dirixida por Uxía P. Vaello na que se fala, segundo a propia compañía, “sobre o momento da infancia no que as cousas están a piques de mudar para sempre”.
 
A partir desa premisa componse un espectáculo de creación contemporánea sobre o concepto fundamental da emoción e que sitúa o foco nos instantes de cambio na vida polos que, de xeito inevitable, todos pasamos. O resultado é unha montaxe recomendada para público a partir de oito anos, na que cativos e adultos se emocionan e se divirten, ao tempo que se decatan de que as experiencias que crían únicas son, en realidade, vivencias comúns e compartidas.
 
Humor e poesía
Deste xeito, as artes de ‘Manawee’ transportan as espectadoras e os espectadores nunha peza de teatro chea de humor e de poesía, na que as preocupacións esenciais se debuxan con cores moi diferentes ás vistas ata o momento. Na posta en escena, o misterio do teatro cos seus agochos, a tremoia e as tripas do escenario están á vista do público, de xeito que o espazo físico se vai desvelando coma o interior de cada un de nós.
 
Uxía P. Vaello asina tamén a dramaturxia e a coreografía de ‘Manawee’, encabezando un equipo no que figuran tamén Borja Fernández na axudantía de dirección, Lorena Conde como autora do texto ou Mónica de Nut, Javi Bermejo e Vadim Yukhnevich na música, entre outros coñecidos nomes da escena galega.   
 
Despois da súa estrea en outubro de 2015 en Vilagarcía de Arousa e do seu paso en formato ‘showcase’ por Galicia Escena Pro, o mercado de artes escénicas organizado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), ‘Manawee’ retoma a súa distribución desde o mesmo escenario compostelán que acollera hai tres meses a mostra dun fragmento da montaxe diante de axentes e programadores culturais de toda Galicia.   
 
As entradas para asistir ao espectáculo estarán á venda na billeteira do Salón Teatro desde dúas antes de cada función. O seu prezo é de 10 euros para público xeral, 5 euros para menores de 18 anos e 6 euros para titulares de carné de estudante, Carné Xoven, xubilados, maiores de 65 anos, desempregados e profesionais das artes escénicas ou do xornalismo.  

-Web da compañía