A Agadic incrementa o apoio á Federación de Cineclubes para contribuír ás súas programacións audiovisuais en toda Galicia

  Jacobo Sutil e Manuel Precedo asinaron hoxe o convenio mediante o que se colabora co financiamento dos ciclos e semanas de cine que se teñen previsto desenvolver en 2016 en 15 localidades

  A achega para esta iniciativa é de 25.000 euros e ten por obxectivo continuar co impulso á difusión cinematográfica e á creación de públicos para a sétima arte

A Agadic incrementa o apoio á Federación de Cineclubes para contribuír ás súas programacións audiovisuais en toda Galicia
[12/02/2016]
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación e a Federación de Cineclubes de Galicia (Feciga) subscribiron hoxe un convenio de colaboración para o desenvolvemento durante este ano dun programa de ciclos e semanas de cine en quince localidades das catro provincias galegas.

O obxectivo é apoiar o mantemento dunha programación estable e de calidade nos cineclubs galegos, impulsando deste xeito o seu labor de difusión e de creación de públicos para o cinema universal e galego.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, e o presidente da Feciga, Manuel Precedo, asinaron hoxe este acordo, mediante o que a Axencia da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria contribúe con 25.000 euros (1.000 euros máis ca o ano pasado) ao financiamento desta iniciativa, que se presenta como alternativa á exhibición cinematográfica dos circuítos comerciais.
 
A finalidade é facilitarlle ao maior número posible de espectadores a posibilidade de ver cinema en pantalla grande, así como de lle achegar á cidadanía propostas de calidade, de produción independente e de claro contido cultural. Así, a programación da Federación de Cineclubes de Galicia para 2016 articúlase arredor de ciclos e de semanas de cine, ademais de incluír a participación na próxima edición dos Encontros de Cinema de Viana do Castelo (Portugal).  
 
Trece ciclos e nove semanas
Organizados pola Feciga arredor dunha temática ou estilo determinados, a carteleira de cada un dos trece ciclos previstos é seleccionada polos centros participantes a partir do catálogo proposto, mentres que no caso das nove semanas de cine que se están a preparar, a organización corre a cargo dos propios cineclubs que, xunto coas proxeccións dos filmes, desenvolven diferentes actividades paralelas como debates, obradoiros e exposicións.
 
A Federación ten este ano a solicitude de ingreso de tres novos asociados: o Cineclub Bueu, o Cineclub A Illa de Arousa e o Cineclub Dzine de Lalín, que se incorporarán á programación de ciclos xunto cos cineclubs do Carballiño, Cangas, Pontevedra, Padre Feijoo de Ourense, Groucho March do Barco, Lumière de Vigo, Poleiro de Goián, Valle Inclán de Lugo, Liceo de Noia e Colectivo Pensamento e Sementeira de Viveiro.
 
Pola súa banda, as semanas de cine desenvolveranse en Ourense, O Barco, O Carballiño, Vigo, Cangas, Pontevedra, Lugo, Monforte e Chantada. 
 
A Feciga, que agrupa a práctica totalidade dos cineclubs existentes en Galicia, botou a andar en 1984 e, desde entón, vén funcionando como xestora destas asociacións, ao tempo que presta servizos de asesoramento e organiza proxectos de difusión cinematográfica con diferentes entidades públicas e privadas. Este labor de promoción é especialmente destacado no caso do cinema galego, que se exhibe tamén en Portugal en colaboración coa Federación Portuguesa de Cineclubes.