A master class Augal retoma a súa actividade coa análise dos formatos publicitarios do realizador Jorge Algora para TVG

  Será a primeira ocasión que se aborda a publicidade audiovisual producida en Galicianesta iniciativa formativa, organizada por quinto curso consecutivo pola Consellería de Cultura e Educación e a Universidade de Vigo

  A sesión terá lugar mañá ás 16.00 horas na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do Campus A Xunqueira de Pontevedra

A master class Augal retoma a súa actividade coa análise dos formatos publicitarios do realizador Jorge Algora para TVG
[15/02/2016]
O xénero publicitario entra por primeira vez nos contidos de Augal, a Master Class do Audiovisual Galego, cunha sesión que terá lugar mañá 16 de febreiro a partir das 16.00 horas en Pontevedra a cargo do produtor e realizador Jorge Algora. Con esta cita retómase a actividade da quinta edición desta iniciativa docente que organizan a Agadic e a Universidade de Vigo.

O obxectivo de Augal é impulsar a formación complementaria no ámbito audiovisual mediante a difusión da produción cinematográfica galega actual da man dos seus protagonistas. Baixo o título ‘Viaxe pola publicidade para TVG’, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do Campus A Xunqueira acollerá esta nova cita a cargo do produtor e directorJorge Algora, da compañía galega Adivina Producciones. Os alumnos e alumnas inscritos en Augal asistirán así á lección maxistral, proxección e posterior comentario dunha escolla dos seus spots realizados para Televisión de Galicia entre os anos 1987 e 2014.
 
Algora (Madrid, 1963) é licenciado pola madrileña Real Escuela Superior de Arte Dramatico e dedícase á actividade audiovisual desde 1984, realizando unha intensa actividade como guionista e director de documentais, programas de televisión, publicidade e ficción. É tamén director das longametraxes ‘O neno de barro’ (2007), con Maribel Verdú, e ‘Inevitable’ (2013), con Federico Luppi e Darío Grandinetti.
 
Sete títulos galegos
Baixo a coordinación dos profesores Anna Amorós e Miguel Anxo Fernández e coa colaboración dos profesores de fotografía Jorge Lens e Carlos Soutelo, Augal 2015-2016 comezou o pasado 3 de decembro coa proxección da película ‘El desconocido’, de Dani de la Torre e producida por Vaca Films, recente ganadora de dous Premios Goya da Academia de Cine.
 
As sete sesións previstas, nas que se inclúen longametraxes, curtas, ou webseries, están destinadas con prioridade aos alumnos de Comunicación Audiovisual, aínda que, como en anteriores edicións, a elas pode asistir tamén o público en xeral.
 
A próxima cita con Augal será o 23 de febreiro, día que terá lugar a proxección do documental ‘Os días afogados’, coa presenza de César Souto e Luis Avilés (directores e guionistas) e Iván Patiño (produtor).
 
O 1 de marzo verase ‘El arca de Noé’, fita que será presentada por David Valero (director e guionista) e por Sergio Frade (produtor); e  para o 8 de marzo está preparada unha sesión especial dedicada a curtametraxes e webseries, na que se ofrecerán os títulos ‘Estereoscopia’, de Xacio Baño; ‘Serendipia’, de Jonatan Toucedo; e ‘Nacer en septiembre’, de Anxos Fazáns; así como ‘Vento ferido’, a serie online asinada por Miguel Grandío sobre o libro homónimo de relatos de Carlos Casares, que foi creada como resultado da última edición do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC). O 15 de marzo será a quenda da longametraxe ‘Lobos sucios’, a ópera prima de Simón Casal producida por Agallas Films, estreada no Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF).   
 
AUGAL 2015-2016 pecharase o 5 de abril coa segunda edición do seu foro profesional, dedicado nesta ocasión ao subsector da animación. Será o produtor, director e guionista Ángel de la Cruz o encargado de conducir esta última cita, previa á entrega de diplomas,  coa conferencia titulada ‘Como facer unha película de animación? Pasado, presente e futuro da animación en Galicia’.

-Cartel de Augal 2015-2016