Mago Antón

[00/00/0000]

O mago Antón nace en Castroverde (Lugo) en 1956. En 1976 decide dedicarse á maxia. En 1977 nace a súa personaxe 'Facundo', un homiño que fala, pensa e discute. Nese mesmo ano 'Facundo' obtén a mención especial nos Premios da Crítica de Galicia.

Antón estuda na Escuela Mágica de Madrid e na década dos oitenta preséntase en congresos internacionais en Europa e os Estados Unidos.

En 1985 nace a empresa Producións Máxicas e co espectáculo Merlín e familia comeza a etapa da maxia das grandes ilusións. En 1993 estrea Vía láctea, espectáculo multimedia no que dan a man a literatura, o cine interactivo, a música e o teatro.

En 1995 coa empresa Creación Máxicas e o espectáculo Insólito por antonomaxia recorre o país cun vehículo especial no que a tecnoloxía se pon ao servizo da maxia coas mans e o sorriso como aliados.

En 1998 presenta en colaboración coa Orquestra Sinfónica de Galicia o espectáculo En clave de maxia, maxia didáctica musical para un público infantil e xuvenil. E ao ano seguinte chega Romance do conde de Cagliostro que o trae de peregrinaxe a Santiago pasando polas principais localidades do Camiño. En 2001 chega unha montaxe centrada na historia da humanidade a través da maxia, 2001 ilusións, coa que recupera a personaxe de 'Facundo'.