Os Premios Martín Códax da Música convocan a súa terceira edición con novidades nas categorías e no calendario

  A música vocal incorpórase como modalidade en competición e permitirase a participación de grupos de fóra de Galicia que canten en galego ou cun repertorio de raíz galega na súa meirande parte

  A Agadic é unha das entidades patrocinadoras dos galardóns organizados pola asociación Músicos ao Vivo, que abren ata o 29 de febreiro o prazo de inscrición de candidaturas e trasladan a celebración da gala á primavera

Os Premios Martín Códax da Música convocan a súa terceira edición con novidades nas categorías e no calendario
[15/02/2016]

Os Premios Martín Códax da Música presentaron esta mañá no Salón Teatro de Santiago de Compostela a convocatoria da súa terceira edición, para a que se abre desde hoxe e ata o vindeiro 29 de febreiro o prazo de inscrición de candidaturas a través da súa páxina web.


O certame que organiza a asociación Músicos ao Vivo cambia así as súas datas de celebración, de xeito que a gala se traslada do inverno á primavera (28 de abril) e pasa a compartir calendario con outros destacados premios sectoriais da cultura galega, como os María Casares de teatro ou os Mestre Mateo do audiovisual.

Outra das novidades é a incorporación da música vocal como categoría a concurso nesta terceira edición, para a que se convocan 16 modalidades musicais e tres premios 'Organistrum' para salas, festivais e espazos de comunicación, así como o recoñecemento honorífico 'Músicos ao Vivo' que se fará público o vindeiro 15 de marzo. Ademais, as bases permiten por vez primeira a participación no certame de artistas ou grupos de fóra de Galicia que canten en galego ou cun repertorio de raíz galega na súa meirande parte.

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria mantén a súa colaboración cos galardóns como unha das entidades patrocinadoras. O seu director, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación desta terceira edición do certame xunto a Ramón Bermejo, voceiro de Músicos ao Vivo, e ás representantes das outras dúas entidades que apoian os galardóns: a concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra, Anxos Riveiro, e a directora de Márketing de Bodegas Martín Códax, María Garrido.

Gala conducida por A Panadaría
Esta presentación arrancou cunha pequena intervención musical a cargo da compañía A Panadaría Teatro, cuxas integrantes protagonizan o vídeo de lanzamento desta terceira edición e conducirán a gala de entrega que terá lugar o 28 de abril no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Na súa intervención, o director da Agadic lembrou que a Xunta de Galicia vén apoiando os Premios Martín Códax da Música desde a súa primeira convocatoria en 2013 e valorou o camiño que teñen percorrido, pese á súa aínda curta traxectoria, de xeito que a través e grazas a eles “a cidadanía galega pode achegarse a un maior coñecemento de todos os estilos, variedades e calidades da música galega de hoxe en día”.

Jacobo Sutil felicitou a Músicos ao Vivo polas novidades que se incorporan nesta nova convocatoria e aproveitou para convidar a todos os músicos a que participen nela, así como a toda a sociedade para que “aproveite a oportunidade que lle brindan os premios para descubrir o mellor da nosa música”.

Consolidación
Tamén o resto dos participantes na presentación incidiron na consolidación destes recoñecementos, así como nas novidades introducidas co obxectivo de se adaptar á realidade do traballo que desenvolven os músicos en Galicia. Así, coa incorporación da categoría de Coros e Música Vocal, ábrese a porta á participación dos máis de 15.000 músicos que forman parte de proxectos de canto coral na nosa Comunidade, mentres que co novo calendario da convocatoria os intérpretes teñen a posibilidade de inscribir os proxectos desenvolvidos durante todo 2015, ao tempo que poderán tirar rendibilidade da súa participación nos premios cara ás contratacións de verán.

Poden optar a estes galardóns os proxectos musicais galegos que estean vixentes e en activo no ano 2016. Por proxecto musical galego enténdese todo aquel grupo, solista, ou colectivo que teña a súa residencia habitual e marco de actuación en Galicia. Ademais, aceptaranse proxectos de fóra de Galicia se cando menos a metade dos seus integrantes son galegos, se cantan en galego o se a meirande parte do seu repertorio é de raíz galega.

Non é requisito imprescindible ter editado disco, como tampouco é preciso estar asociado para formalizar a inscrición. Unha vez rematado este proceso, os socios de Músicos Ao Vivo elixirán primeiro tres finalistas por cada categoría e a continuación, nunha nova rolda de votacións, os artistas e grupos premiados. Os finalistas coñeceranse o 7 de abril durante a Festa de Nomeados que terá lugar nas Bodegas Martín Códax.

-Vídeo promocial dos III Premios Martín Códax da Música
-Web dos premios