A nova compañía Lucecús Teatro preséntase diante do público compostelán co seu espectáculo de debut, 'A órbita do lucecú'

  O grupo lucense de teatro profesional que acaban de poñer en marcha Anxo Manoel, Isa Herrero e Rubén Pérez escenificará a súa primeira montaxe no Salón Teatro este venres e o sábado, ás 20.30 horas, e o domingo, ás 18.00 horas

  Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, de Ibuprofeno Teatro, dirixen esta proposta, que explora as relacións humanas a través de tres compañeiros de piso que comparten espazo e soidade

A nova compañía Lucecús Teatro preséntase diante do público compostelán co seu espectáculo de debut, 'A órbita do lucecú'
[24/02/2016]
Lucecús Teatro é o nome dunha nova compañía profesional con sede en Lugo, que esta fin de semana se presentará diante do público compostelán con ‘A órbita do lucecú’, o seu espectáculo de debut. A montaxe, dirixida por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso (Ibuprofeno Teatro), estará no Salón Teatro o venres e sábado ás 20.30 h e o domingo ás 18.00 h.

Os actores Anxo Manoel, Isa Herrero e Rubén Pérez integran Lucecús, que iniciou a súa andaina profesional o pasado mes de setembro apostando decididamente pola dramaturxia propia en galego. Así, o primeiro espectáculo da compañía é unha creación colectiva dos seus tres compoñentes baixo a coordinación do dramaturgo e director Santiago Cortegoso.
 
Sinopse
Estreada na pasada edición do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), a súa proposta xira arredor de tres compañeiros de piso que, á súa vez, orbitan compartindo espazo e soidade. A enerxía que conteñen no seu interior marcará os destinos destes personaxes, a partir dos que se indaga nas relacións humanas propoñéndolles aos espectadores unha curiosa e divertida viaxe na que conflúen o planeta Marte, o científico serbio Nikola Tesla e os lucecús.
 
Coa creación de Lucecús Teatro, Anxo Manoel, Isa Herrero e Rubén Pérez decidiron dar un paso adiante cara á profesionalización nas artes escénicas despois de moitos anos de traballo en diferentes colectivos teatrais de Lugo como Achádego, Palimoco ou Microefectos Dramatúrxicos. O seu obxectivo é conseguir asentarse no panorama teatral galego, converténdose nun foco cultural tanto para a súa cidade como para o resto de Galicia. Con  tal fin, teñen previsto diversificar o seu traballo para ofrecer actividades pedagóxicas e outro tipo de proxectos culturais a través dos que contribuír á creación de públicos e de novas estruturas para o noso teatro.    
 
Venda de entradas
As entradas para asistir a ‘A órbita do lucecús’ están xa á venda a través da billeteira electrónica entradas.abanca.com e tamén se poderán mercar a partir do venres na billeteira do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo das funcións. O prezo é de 10 euros para o venres e sábado (cos descontos habituais) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.

[Na imaxe, Rubén Pérez e Anxo Manoel xunto á directora do Centro Dramático Galego, Fefa Noia, á que lle avanzaron o plan de traballo e principais obxectivos da súa nova compañía].

-Lucecús Teatro
-Venda de entradas