'Sicixia', a nova película de Ignacio Vilar, desenvolve a parte central da súa rodaxe en distintas paraxes da Costa da Morte

  A Axencia Galega das Industrias Culturais contribúe con 260.000 euros ao financiamento da fita a través da convocatoria de 2014 das subvencións á produción e coprodución audiovisual

  A lonxa do peixe de Fisterra acolleu a presentación da filmación desta longametraxe, que protagonizan os galegos Monti Castiñeiras e Marta Lado

'Sicixia', a nova película de Ignacio Vilar, desenvolve a parte central da súa rodaxe en distintas paraxes da Costa da Morte
[26/02/2016]
Vía Láctea presentou na lonxa de Fisterra a rodaxe que desenvolverá durante cinco semanas na Costa da Morte como eixo central de ‘Sicixia’, a nova longametraxe de Ignacio Vilar. A Agadic, como entidade cofinanciadora da fita, participou no acto xunto ao director, parte do equipo e representantes dos concellos implicados.

Despois do éxito que supuxo a adaptación cinematográfica de ‘A esmorga’, Vía Láctea acomete en ‘Sicixia’ a sexta longametraxe de Ignacio Vilar, na que o realizador aposta por experimentar con fórmulas narrativas innovadoras a través do diálogo entre a ficción e o documental. Esta “historia para escoitar a vida na Costa da Morte”, como a presenta o seu creador, está rodada integramente en galego e conta cun grupo de profesionais galegos nos labores técnicos e artísticos.
 
O son como personaxe
‘Sicixia’, que toma como título o termo astronómico que se refire ao momento no que se aliñan os centros do Sol, da Terra e da Lúa, está protagonizada por Monti Castiñeiras e Marta Lado. Ademais, os rexistro dos sons propios de Galicia terán unha importancia especial, xa que a través deles se escoitará e se amosará a vida na Costa da Morte como un personaxe máis da trama.
 
No seu argumento, Xiao é un enxeñeiro de son que percorre as vilas e lugares más recónditos de Galicia para gravar a diversidade lingüística do galego a través das súas variedades dialectais, ademais de recoller os sons da natureza. Nesa viaxe coñecerá a Olalla, quen traballa na colleita de algas, e que espertará en Xiao a paixón pola vida e o carácter salvaxe da Costa da Morte.    
 
Malia se centrar nesta zona do litoral galego, en concreto nos concellos de Carnota, Dumbría, Fisterra, Muxía, Camariñas, Cabana de Bergantiños, Carballo, Cee, Cerceda e Corcubión, ‘Sicixia’ recolle escenas doutras localidades da nosa xeografía, como é o caso da festa da Rapa das Bestas de Sabucedo, onde xa se gravaron imaxes para a película no pasado mes de xuño, ou da Cidade da Cultura de Galicia, á que se trasladará a continuación a rodaxe.   
 
O proxecto, que chegará previsiblemente ás pantallas a finais de ano, obtivo en 2014 unha subvención de 260.000 euros no marco das axudas á produción e coprodución audiovisual que convoca a Agadic, dentro da categoría concreta dedicada a longametraxes cinematográficas. O director da Agadic, Jacobo Sutil, interveu por este motivo na presentación que se levou a cabo este mediodía para subliñar o compromiso de Vía Láctea e de Ignacio Vilar coa difusión do patrimonio natural e cultural galego.
 
Difusión internacional
Na súa intervención, Sutil destacou ademais a importancia do desenvolvemento de rodaxes en Galicia e por profesionais galegos como factor necesario para dinamizar a nosa industria audiovisual e tamén as economías locais dos municipios de acollida. Amosou así mesmo o seu convencemento de que o resultado do traballo será un novo éxito para a a difusión de Galicia e dos seus principais valores a través do medio audiovisual entre os espectadores de calquera territorio xeogáfico.
 
De feito, tal e como vén sendo habitual nas producións de Vía Láctea Filmes, esta obra ten por obxectivo poñer en valor o noso patrimonio material e inmaterial. Así, a produtora confía en que a proxección nacional e internacional do filme contribúa á promoción da Costa da Morte ao retratar non só espazos de interese turístico recoñecidos (Monte Pindo, fervenza do Ézaro, santuario da Virxe da Barca, faro de Fisterra, Monte Branco, praia de Razo, desembocadura do río Anllóns...) senón tamén, de maneira moi explícita, a súa riqueza gastronómica, os seus sectores produtivos, a riqueza lingüística e a idiosincrasia das súas xentes.

-Vía Láctea Filmes