O Salón Teatro de Santiago acolleu a presentación dos finalistas dos XX Premios María Casares

  Un total de 14 espectáculos optan aos galardóns do teatro galego que convoca a Asociación de Actores e Actrices de Galicia

  A Agadic colabora na organización desta vixésima edición, que culminará o 30 de marzo na gala de entrega que terá lugar no Teatro Rosalía Castro da Coruña

O Salón Teatro de Santiago acolleu a presentación dos finalistas dos XX Premios María Casares
[01/03/2016]
O Salón Teatro da Consellería de Cultura e Educación acolleu hoxe a presentación dos espectáculos e profesionais finalistas aos XX Premios María Casares, que se entregarán o vindeiro 30 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Un total de 14 espectáculos acadaron algunha candidatura nos 14 apartados nos que se dividen estes galardóns.

Ao acto organizado pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) e presentado por Nieves Rodríguez, actriz e vogal desta entidade, acudiu a maior parte dos finalistas dunha edición na que que se realiza por vez primeira o proceso votación de forma dixital a través da páxina web da AAAG. Tamén participou Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), organismo que este ano volve apoiar a organización dos premios, así como os representantes do resto das institucións e entidades colaboradoras: José Manuel Sande, concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento da Coruña; Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña; Fefa Noia, directora do Centro Dramático Galego, e Juan Carlos F. Fasero, director de SGAE-Noroeste.
 
Entre os finalistas, elixidos entre os 38 espectáculos e máis de 300 profesionais que presentaron as súas candidaturas, destaca ‘O principio de Arquímedes’, de Teatro do Atlántico, cun total de oito. Pola súa banda, ‘Ensaio sobre a cegueira’, de Sarabela Teatro, aspira a sete galardóns e ‘Presidente’, de Teatro do Morcego, acadou cinco candidaturas. Ademais, estas tres montaxes disputaranse o premio ao mellor espectáculo.
 
Catro candidaturas para Xardín suspenso
‘Xardín suspenso’, última produción do Centro Dramático Galego, optará aos premios a mellor actriz protagonista (Melania Cruz), escenografía (Carlos Alonso), iluminación (Afonso Castro) e música orixinal (Manuel Riveiro). Tamén ‘Manawee’, de Matrioshka Teatro, acadou catro candidaturas, mentres que ‘Noiteboa’, de Redrum Teatro, e ‘Panamericana’, de A Panadería, optan a tres galardóns.
 
Pola súa parte, ‘Calypso’ de Voadora, ‘O Furancho’ de Ibuprofeno Teatro e ‘Unhas poucas picadelas’ de Teatro de Ningures lograron dúas mencións cada unha delas. Finalmente, cunha candidatura atópanse ‘30 e tantos ósos’ (Aporía Escénica), ‘Feo!’ (Caramuxo Teatro), ‘O Crédito’ (Eme2 Producións) e ‘Jim e Illa do Tesouro’ (Eme2 Producións).

[Foto: LA DIAPO]

-Máis información no web da Asociación de Actores e Actrices de Galicia.