Cinemas de Galicia inicia esta fin de semana a súa programación anual con proxeccións no Carballiño, Ortigueira e Allariz

  A Agadic promove este circuíto de exhibición cinematográfica, no que tamén participan os concellos das Pontes de García Rodríguez, Cariño, Celanova, Cedeira, Foz, O Grove e Verín

  A nova carteleira arranca coa exhibición dos filmes ‘Teito e comida’, ‘O clube dos incomprendidos’ e ‘O noso último verán en Escocia’

Cinemas de Galicia inicia esta fin de semana a súa programación anual con proxeccións no Carballiño, Ortigueira e Allariz
[03/03/2016]
A actividade de ‘Cinemas de Galicia’, o circuíto galego de exhibición cinematográfica promovido pola Consellería de Cultura e Educación a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), regresa esta fin de semana para iniciar o seu primeiro período anual de programación no Carballiño, Ortigueira e Allariz.

 A primeira proxección da nova carteleira terá lugar mañá venres ás 22.30 horas no Auditorio Municipal do Carballiño con ‘Teito e comida’, o drama social de Juan Miguel del Castillo protagonizado por Natalia de Molina, actriz que obtivo un Goya pola esta interpretación na pasada edición destes premios. O sábado día 5, Cinemas de Galicia trasladarase ao Teatro da Beneficencia de Ortigueira para proxectar ás 19.30 horas ‘O clube dos incomprendidos’, película da produtora galega Bambú especialmente dirixida ao público xuvenil, que contou para a súa realización cunha subvención da Agadic. Pola súa banda, a Casa da Cultura de Allariz acollerá o domingo 6 de marzo a comedia dramática ‘O noso último verán en Escocia’, premio do público na Seminci de Valladolid de 2014, coprodución británica para a que a Agadic chegou a un acordo coa súa distribuidora en España para contribuír á súa dobraxe ao galego.   
 
A programación continuará nas seguintes xornadas coa proxección de ‘A praia dos afogados’, o thriller de Gerrardo Herrero baseado na novela de Domingo Villar con Carmelo Gómez e Antonio Garrido nos papeis principais, o día 10 ás 20.00 horas no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova, o día 11 ás 21.00 horas no Cine Alovi das Pontes de García Rodríguez e o día 12 ás 20 horas no Auditorio Municipal de Cariño.
 
Estas serán as primeiras citas do calendario de 2016 de Cinemas de Galicia, que se prolongará ata finais de xuño e retomará a súa actividade despois do verán para ofrecer unha segunda quenda de proxeccións ata o mes de decembro.
 
Voltar ao cine en pantalla grande
Nesta terceira edición, Cinemas de Galicia mantén o mesmo dobre obxectivo co que botou a andar como experiencia piloto en 2014: incrementar o número de salas cinematográficas da Comunidade e ofrecerlles novas posibilidades de distribución aos filmes galegos que se atopan en fase de explotación comercial. Ao tempo, o circuíto contribúe a fomentar o hábito de ver cinema en pantalla grande, funcionando como complemento á actual oferta das salas comerciais, así como ao labor de difusión e de creación de públicos que tamén desenvolven os diferentes cineclubes galegos.
Neste sentido, os programadores dos 10 municipios participantes son quen compoñen cada programación local, a partir dunha nova versión do catálogo de películas dispoñibles confeccionado pola Agadic e coa condición de dedicarlle ao cinema galego cando menos a metade da súa selección. A oferta deste ano conta cun total de 37 títulos: 29 producións con participación galega e oito destacados filmes do actual panorama cinematográfico español e europeo.

As películas galegas desta escolma son: '9 ondas', 'A árbore magnética', 'A arca de Noé', 'A cicatriz blanca', 'A praia dos afogados', 'A Tropa de Trapo na selva do arco da vella', 'A viaxe de Leslie', 'A viaxe dos Chévere', 'Arraianos', 'As altas presións', 'Costa da Morte', 'En todas as mans', 'Encallados', 'Funes, o inventor da Lúa', 'Inevitable', 'Lobos sucios', 'Maimiño e o espello máxico', 'Meigallos', 'Noite ¿de paz?. Holy Night!', 'O clube dos incomprendidos', 'O instante eterno', 'O ouro do tempo', 'O raio', 'Os días afogados', 'Os fenómenos', 'Os incribles', 'Piedad', 'Schimbare' e 'Torre de Breoghán'.
O cinema español e europeo está representado neste catálogo polas longametraxes 'Diplomacia', 'Loreak', 'Macbeth', 'O mundo segue', 'O noso último verán en Escocia', 'Phoenix', 'Rams (o val dos carneiros)' e 'Teito e comida'.

A programación actualizada, o catálogo de 2016 e as fichas das películas están dispoñibles para a súa consulta en www.agadic.info/cinemasdegalicia.