A Xunta de Galicia homenaxea os pioneiros do cinema galego na conmemoración en Pontevedra do centenario de 'Miss Ledyia'

  O conselleiro de Cultura e Educación presidiu o acto celebrado no Teatro Principal, durante o que subliñou o camiño percorrido polo audiovisual galego e os seus profesionais ata contar co recoñecemento que vive na actualidade

  O profesor Ángel Luis Hueso achegou as claves para entender a transcendencia da primeira ficción cinematográfica galega, que esta tarde se proxectou coa música en directo do pianista Nani García

  A fita filmada por José Gil e promovida por Rafael López de Haro foi restaurada polo CGAI e a Filmoteca Española a partir do material conservado polo Museo Provincial

A Xunta de Galicia homenaxea os pioneiros do cinema galego na conmemoración en Pontevedra do centenario de 'Miss Ledyia'
[04/03/2016]
A conmemoración esta tarde no Teatro Principal de Pontevedra do centenario da estrea de ‘Miss Ledyia’, considerada a primeira ficción cinematográfica galega, converteuse nunha homenaxe aos pioneiros do noso cinema que hai un século estaban a escribir “unha páxina de ouro na historia da sétima arte en Galicia”.

Así o expresou o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, neste acto durante o que tamén fixo fincapé no camiño percorrido desde entón polo audiovisual galego e os profesionais dun sector “que ten condición de estratéxico para o noso país e, como tal, é prioritario para a Administración galega”.
 
Román Rodríguez presidiu esta celebración, que Cultura e Educación promoveu a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia), en colaboración co Concello de Pontevedra, o Museo Provincial da Deputación de Pontevedra e a Academia Galega do Audiovisual.
 
Desenvolvemento cultural e profesional do sector
En referencia ao percorrido descrito polo cinema galego desde aquel 3 de marzo de 1916, data na que ‘Miss Ledyia’ foi estreada no anterior Teatro Principal pontevedrés, o conselleiro explicou que Galicia ten sido o escenario para a rodaxe dunhas 300 longametraxes producidas por equipos propios ou alleos. Lembrou, así mesmo, outro momento clave para o posterior desenvolvemento profesional do sector audiovisual galego e a súa consolidación como sinal de identidade da nosa cultura: a estrea en 1989 das tres primeiras longas cinematográficas en galego (‘Sempre Xonxa’, de Chano Piñeiro; ‘Continental’, de Xavier Villaverde; e ‘Xurxa, de Carlos Piñeiro e Alfredo Pinal’).
 
“Na actualidade, o audiovisual galego é máis coñecido e recoñecido internacionalmente. Producimos filmes, na súa gran maioría co apoio institucional da Xunta de Galicia, que trunfan nas nosas pantallas e tamén nas pantallas internacionais. Unha historia de éxito protagonizado por actores, directores e persoal técnico que están a sobresaír en filmes nacionais e internacionais e que está a levar a representación galega ás galas de entrega dos premios máis prestixiosos”, asegurou.
 
En canto á estrea de ‘Miss Ledyia’, destacou como o promotor do filme, Rafael López de Haro, decidiu sumarse ás daquela aínda tímidas achegas da cinematografía española encargándolle a súa rodaxe a José Gil, reporteiro de sona que estaba a amosarse como o filmador máis activo do país. De feito e máis alá do seu valor cinematográfico, esta obra de apenas 20 minutos de duración, rodada en branco e negro con puntuais virados, destaca pola incorporación de maneira temperá a Galicia das dinámicas de filmación que se estaban a desenvolver no resto de España.
 
Participación de Castelao
Para afondar na transcendencia e características concretas do filme, contouse coa intervención do profesor Ángel Luis Hueso, catedrático xubilado de Historia do Cine da Universidade de Santiago. Rodada no Gran Balneario da Toxa, as ribeiras do Lérez, Monte Porreiro, Portosanto ou A Caeira, entre outros lugares, a fita recrea as peripecias da sobriña do multimillonario Mister Kazton durante unha viaxe a Galicia en febreiro de 1916. Fefa Ximénez de Sandoval deu vida a Miss Ledyia, mentres que entre os 16 actores e actrices principais do elenco figura tamén Alfonso R. Castelao, quen encarnou o pastor protestante que na secuencia final porta unha arma para deter o anarquista Ruskin. Outros nomes do reparto son Fausto Otero, Mariña Fonseca, Clara Sobrino, Víctor Mercadillo, Isidoro Millán ou Blanco Porto.
 
Música en directo
Tamén interviñeron no acto de conmemoración Carlos Ares, presidente da Academia Galega do Audiovisual; Xosé Leal, deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra; e Jacobo Sutil, director da Agadic, ademais do pianista Nani García, quen interpretou en directo a música que acompañou a exhibición de ‘Miss Ledyia’.
 
A proxección desta tarde foi posible grazas ao traballo de restauración do filme realizado polo CGAI e a Filmoteca Española en 1996 a partir do material orixinal conservado polo Museo Provincial de Pontevedra. Xunto con ‘Miss Ledyia’ proxectáronse tamén outros dous títulos que deixan constancia do labor de conservación, recuperación e difusión  do noso patrimonio audiovisual que vén desenvolvendo o Centro Galego de Artes da Imaxe desde a súa posta en marcha hai 25 anos: ‘Botadura del acorazado Alfonso XIII’ (1913), que en 1997 depositou no CGAI o seu actual director, Guillermo Escrigas; e ‘O Ano Santo em Compostela’, produción lusa de 1915 restaurada pola filmoteca galega en colaboración coa Cinemateca Portuguesa.