A Xunta anuncia a posta en marcha dunha estratexia para impulsar o sector audiovisual galego

  O presidente da Xunta reuniuse hoxe coas asociacións e institucións implicadas, aos que reafirmou o compromiso do Goberno galego con esta industria cultural

  A primeira das medidas afectará ao sistema de pagos das subvencións ás producións audiovisuais galegas e consistirá na supresión da obrigatoriedade de constituír garantías ante o adianto de cantidades que superen os 18.000 euros e a posibilidade de acceder a un 85% do importe da subvención de xeito anticipado

A Xunta anuncia a posta en marcha dunha estratexia para impulsar o sector audiovisual galego
[07/03/2016]
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe a posta en marcha dun proceso de debate para a elaboración do Plan estratéxico do Audiovisual Galego 2016/2020, unha clara aposta do Goberno galego co obxectivo de impulsar este sector como un dos buques insignia da nosa industria cultural.

Fíxoo no marco da reunión que presidiu na que presentou esta iniciativa a asociacións e institucións implicadas no sector, que se lembrou ademais que as axudas da Administración autonómica ao sector induciron un movemento económico de 80 millóns de euros en Galicia durante o período 2009-2015, o que deixa de manifesto o claro apoio da Xunta ao audiovisual.

A reunión desta mañá constitúe, polo tanto, un convite desde o Goberno galego para que todos os axentes implicados no sector participen na elaboración dun plan estratéxico de futuro, integrador e práctico, liderado desde a Administración autonómica e, nomeadamente, desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). A acción enmárcase no proceso de mellora continua que inspira as políticas audiovisuais da Xunta de Galicia, que se reflicte tamén nun forte apoio económico ás mesmas. Só en axudas a produción de obras para cine e televisión a través de convocatoria pública investíronse entre o ano 2009 e 2015 preto de 19 millóns de euros.

Mellora nos anticipos
O compromiso que esta estratexia supón co sector terá como punto de partida unha importante mellora estrutural no sistema de pagos das subvencións ás producións audiovisuais galegas: a supresión da obrigatoriedade de constituír garantías ante o adianto de cantidades que superen os 18.000 euros e a posibilidade de acceder a un 85% do importe da subvención de xeito anticipado.

Con esta actuación búscase eliminar unha importante carga financeira para o produtor, o que contribuirá a impulsar as novas empresas reducindo as dificultades da obtención dos avais e acceso ao crédito bancario. Ao tempo mantense un sistema garantista mediante a acreditación documental do financiamento previo da produción.

Proceso participativo
O grupo de traballo para a elaboración do Plan estará conformado por colectivos como a Academia Galega do Audiovisual, a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), o Clúster do Audiovisual de Galicia (Clag), a Asociación de Empresas Galegas do Audiovisual (AEGA), a Asociación Galega de Guionistas (AGAG), ou a Asociación de Directores e Realizadores de Galicia (CREA); así como administracións públicas e organismos oficiais, nomeadamente a Xunta, a TVG e a Oficina MEDIA España.

O seu obxectivo será constituír un Plan para o audiovisual galego que, partindo dunha diagnose do sector que poña de relevancia as súas debilidades e fortalezas, permita a partir dela establecer prioridades e definir obxectivos e liñas de actuación a medio e largo prazo. Búscase acadar ademais que este Plan se defina pola transversalidade das actividades que no seu marco se realicen, así como pola coordinación entre as distintas entidades ou departamentos públicos que o desenvolvan.

Eidos de actuación
No marco desta estratexia a Xunta traballará en varios eidos de actuación, tales como a internacionalización do audiovisual galego. Neste sentido cómpre lembrar que o último catálogo ‘Films from Galicia’ de produtos e proxectos para cine e televisión, constata a variedade e calidade das propostas: 19 longametraxes cinematográficas de ficción, 7 producións de animación, 19 longametraxes documentais e 12 series de ficción para TV.

Ademais, entre outras, poranse en marcha medidas tendentes á creación e dinamización de audiencias, a aumentar a implicación da cidadanía no consumo de bens e servizos audiovisuais e á mellora da educación audiovisual nas escolas.

[Na imaxe, momento da reunión co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo]

-Vídeo de declaracións do conselleiro de Cultura e Educación tras a xuntanza