A Agadic incrementa a 390.000 euros a dotación das subvencións de 2016 para os festivais galegos de escena e de música

  O organismo da Consellería de Cultura e Educación aumenta en 10.000 euros os orzamento para cada categoría, polo que os eventos escénicos disporán de 170.000 euros e de 220.000, os musicais

  As axudas poden solicitarse desde hoxe e ata o 8 de abril, refírense aos certames desenvolvidos entre o 1 de novembro de 2015 e o 31 de outubro deste ano

  A prioridade desta liña de apoio é contribuír á consolidación dun mapa galego de festivais, así como dinamizar a contratación artística e a creación de públicos

A Agadic incrementa a 390.000 euros a dotación das subvencións de 2016 para os festivais galegos de escena e de música
[09/03/2016]
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicou a convocatoria de subvencións de 2016 para festivais de artes escénicas e de música de carácter profesional, que este ano incrementa a súa dotación a 390.000 euros, 20.000 máis que a anterior de 2015.

 
A esta liña de apoio poden acollerse os eventos destes xéneros celebrados en Galicia entre o 1 de novembro de 2015 e o 31 de outubro de 2016. O aumento de 20.000 euros no seu orzamento total respecto ao ano pasado supón que cada categoría contará con 10.000 euros máis: 220.000 euros no caso dos festivais de música e 170.000 euros nos de teatro.
 
Segundo se publicou no Diario Oficial de Galicia, o prazo de presentación de solicitudes está aberto desde hoxe e ata o venres 8 de abril para aqueles festivais de iniciativa privada ou municipal cunha traxectoria de polo menos dúas edicións anteriores e que ofrezan nos seus carteis un mínimo de seis compañías ou grupos.
 
Entre os requisitos esixidos, establécese así mesmo que o 40 por cento do orzamento subvencionable debe corresponder á contratación artística no caso dos festivais de música e o 30 por cento nos escénicos. Para esta última modalidade, engádese que a presenza de formacións compostas maioritariamente por artistas que desenvolvan a súa actividade en Galicia ten que supoñer, como mínimo, o 20 por cento da contratación artística do festival ou o 30 por cento do total das actuacións profesionais que se ofrezan.
 
Impulso profesional
O texto fai especial fincapé na consideración dos festivais como un sector cultural estratéxico para Galicia e no impulso da súa profesionalidade, de xeito que se esixe que polo menos a metade dos concertos ou representacións programadas sexan de pago, agás no caso dos festivais escénicos de rúa.
 
A prioridade desta vía de apoio é contribuír á consolidación do mapa galego de festivais culturais, á dinamización das contratacións artísticas e ao fomento de espectadores, ao tempo que se optimizan os recursos públicos para este tipo de eventos. A través dela, cofinanciáronse en 2015 un total de 21 festivais (12 de música e nove de escena) nas catro provincias galegas.
 
Foron en concreto o Resurrection Fest, Sinsal Son Estrella Galicia, Portamérica Rías Baixas, Festival da Luz, Revenidas, Festival de Luz, Festival do Norte, Nosdestazo Rock, FIV de Vilalba, Reperkusión, Festigal, Festival de Jazz de Lugo, Festival de Jaz&Blues de Ribadeo, Galicreques, FIOT de Carballo, Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, FITO de Ourense, ALT 15, Festiclown 2.0, Festival de Títeres de Redondela, Corpo (a) Terra e Festival Internacional de Teatro Lusófono ‘Ponte na Escena’ (proxecto, este último, que non chegou a celebrarse).
   
Esta é unha das liñas de subvención que a Agadic convoca en  cada exercicio para atender as diferentes fases dos procesos de creación, produción, distribución e promoción dos produtos culturais galegos. Neste programa insírese tamén unha convocatoria específica para festivais do sector audiovisual, publicada a finais do pasado mes de decembro cunha dotación de 105.000 euros (15.000 máis que en 2015) e actualmente en trámite de adxudicación.

[Na imaxe, fotografía de arquivo dunha edición anterior do Resurrection Fest de Viveiro]

-Bases publicadas no DOG
-Acceso á tramitación en liña
-Modelo de solicitude