O cantautor compostelán Xosé Constenla regresa ao Salón Teatro para presentar o seu disco 'Virada por avante'

  Actuará este sábado 12 ás 21.00 horas na sede do CDG, o mesmo escenario que acolleu a gravación en directo de ‘Sinecismo’, o seu anterior traballo discográfico

  Acompañarano neste concerto Fredi Marugán ás guitarras, Javier Constenla ao piano, Pablo Sanmamed ao baixo e Andrés Rivas á batería

O cantautor compostelán Xosé Constenla regresa ao Salón Teatro para presentar o seu disco 'Virada por avante'
[10/03/2016]
Xosé Constenla actuará este sábado, ás 21.00 h, no Salón Teatro de Santiago para presentar en directo ‘Virada por avante’, o seu novo disco. O cantautor compostelán regresa así ao mesmo escenario que en 2013 acollera a gravación en directo de ‘Sinecismo’, o seu anterior traballo, que tamén presentou ao público na sede do CDG.

No concerto deste sábado, Xosé Constenla acompañarase dunha banda de cinco músicos integrada por Fredi Marugán, quen é ademais o produtor e arranxista do novo álbum, ás guitarras; Javier Constenla, ao piano; Pablo Sanmamed, ao baixo; e Andrés Rivas, á batería.
 
Folk americano e canción de autor
Este quinto álbum do cantautor compostelán preséntase como o seu traballo máis maduro, persoal e sofisticado, no que se atopan claras influencias do folk-rock americano, desde James Taylor a Ray Lamontage, ao tempo que mantén o seu vínculo coa corrente iberoamericana de canción de autor como unha das dúas principais sinais de identidade.
 
Para a gravación de ‘Virada por avante’, editado por Setestrelo Editora, Constenla contou coa produción de Fredi Marugán e a masterización de Óscar Herrador, realizada nos Staterooms Studios de Madrid. Ambos profesionais contan cunha destacada traxectoria tanto dentro do panorama estatal como internacional, durante a que teñen traballado con artistas como Ismael Serrano, Miguel Ríos, Joan Manuel Serrat, Enrique Iglesias, Compay Segundo, Antonio Vega ou Pedro Guerra, entre outros.
 
‘A luz entre o desorde’ é o título do primeiro sinxelo do álbum e unha das súas composicións máis intimistas. O seu videoclip pode verse na canle de YouTube do artista, onde leva rexistradas xa máis de 3.100 visitas.
 
Venda de entradas
A venda anticipada de billetes para o concerto deste sábado en Compostela está xa dispoñible a través de entradas.abanca.com. As entradas tamén poderán adquirirse na billeteira do Salón Teatro, que abrirá ao público o día da actuación desde as 19.00 horas. O seu prezo é de 10 euros, con descontos para maiores de 65 anos, xubilados, persoas en situación de desemprego, estudantes, titulares do carné xove e determinados colectivos profesionais.
 
Ademais, os asistentes están convidados á festa posterior ao concerto que terá lugar no pub Albaroque de Santiago, previa confirmación a través do correo electrónico setestreloeditora@gmail.com.

-Venda de entradas
-Web de Xosé Constenla