A Agadic colabora co III Premio 'Pegada' de Teatro Radiofónico convocado pola Escola Superior de Arte Dramática

  O organismo da Consellería de Cultura e Educación entregará como dotación do galardón un lote de cen libros sobre creación e investigación teatral

  O prazo de recepción de orixinais, que deben ser inéditos e estar escritos en galego, mantense aberto ata o 4 de abril

A Agadic colabora co III Premio 'Pegada' de Teatro Radiofónico convocado pola Escola Superior de Arte Dramática
[11/03/2016]
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación colabora coa terceira edición do Premio ‘Pegada’ de Teatro Radiofónico, que convoca a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) co obxectivo de promover a creación dramática en galego e a recuperación do formato de radio-teatro en Galicia.

A Agadic mantén a súa contribución a este galardón mediante a entrega como dotación dun cento de libros pertencentes ao seu fondo bibliográfico. O premio contempla, así mesmo, a gravación e emisión do texto seleccionado por Radio Redondela que, xunto ao IES Audiovisual de Vigo, colabora tamén nesta convocatoria do Departamento de Normalización Lingüística da ESAD.
 
Requisitos
O premio ábrese a todas as persoas interesadas, que teñen ata o vindeiro 4 de abril para presentar as súas pezas. Os traballos candidatos deberán ser orixinais e inéditos e estar escritos en lingua galega. A temática é libre, aínda que non poderán presentarse adaptacións. Adoptarán o formato de guión radiofónico dramático e estarán calculados para que a súa duración en antena sexa entre cinco e dez minutos.
 
O xurado, integrado por profesorado da ESAD, valorará a calidade dramática e sonora na concepción do texto, así como o risco das propostas e as súas resolucións do espazo sonoro, tendo en conta que a obra premiada será emitida por Radio Redondela coincidindo cos actos conmemorativos dos días mundiais da danza e o teatro. Con este fin, os autores poderán utilizar cantos recursos radiofónicos consideren necesarios para que o texto sexa realizado de maneira axeitada: música, planos sonoros, efectos etc.
 
Entre os libros que a Consellería e Educación facilitará á ESAD para a dotación deste premio figuran tanto obras de creación dramática como estudos de investigación, de teoría e de práctica teatral, editados entre 1988 e 2013 a través de distintas coleccións, como son a Biblioteca de Teatro (Serie Grandes Manuais, Serie Manuais e Serie Breviarios), Biblioteca Dramática Galega, Barriga Verde, Escena Aberta, Centro Dramático Galego, Os libros do Centro Dramático Galego e Biblioteca Pillado Mayor.
 
O gañador da primeira convocatoria do Premio ‘Pegada’ de Teatro Radiofónico foi Ernesto Suárez Is coa peza ‘Do material do que están feitos os soños’, mentres que o ano pasado recaeu en Julio Peláez coa obra ‘A cunquiña’.

-Convocatoria na web da ESAD