O director Simón Casal presenta mañá en primicia e seu filme 'Lobos sucios' no marco da master class Augal

  A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus A Xunqueira de Pontevedra acollerá a partir das 16.00 horas a última sesión lectiva desta iniciativa formativa, organizada por quinto curso consecutivo pola Consellería de Cultura e Educación e a Universidade de Vigo

  Será tamén a primeira proxección da película como candidata a 14 premios Mestre Mateo do Audiovisual Galego

O director Simón Casal presenta mañá en primicia e seu filme 'Lobos sucios' no marco da master class Augal
[14/03/2016]
O director galego Simón Casal presentaralle mañá en primicia en Pontevedra ao alumnado de Augal, a Master Class do Audiovisual Galego, a súa opera prima ‘Lobos sucios’, filme que centrará a última sesión lectiva da edición de 2015-2016 desta iniciativa formativa que organizan conxuntamente a Agadic e a Universidade de Vigo.

O título proxectarase ademais por vez primeira despois de coñecer as súas candidaturas aos Premios Mestre Mateo do Audiovisual Galego 2016, aos que opta en 14 categorías: mellor longametraxe, dirección, guión, interpretacións feminina protagonista e de reparto, masculina de reparto, fotografía, dirección de arte, dirección de produción, montaxe, música orixinal, son, vestiario e maquillaxe e perruquería.    
 
A cita terá lugar a partir das 16.00 horas na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus A Xunqueira, dentro da actividade da quinta edición deste proxecto docente que organizan a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a Universidade de Vigo co obxectivo de impulsar a formación complementaria no ámbito audiovisual mediante a difusión da produción cinematográfica galega actual da man dos seus protagonistas.
 
Coloquio co público
De feito, será o propio Simón Casal de Miguel quen conducirá o coloquio posterior á proxección da longametraxe para explicarlles aos inscritos en Augal e ao resto do público presente todo o proceso de construción da película: desde a preprodución ata a súa estrea en cines comerciais de toda España, que será o próximo 8 de abril.

‘Lobos sucios’, da compañía galega Agallas Films en coprodución coa belga Dream Team Concept Ventures, foi preestreada na última edición do pasado novembro no Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF). Conta con guión de Paula Cons, Noelia del Río e Felipe Rodríguez Lameiro e está protagonizada por  Manuela Vellés, Marian Álvarez, Sam Louwyck, Pierre Kiwitt, Thomas Coumans e Isak Férriz.
 
Baseada en feitos reais, a película sitúase nos anos 40 nas minas ourensás de volframio explotadas polos nazis. Alí traballan dúas irmáns, pero todo se complica cando a un espía belga encárganlle a sabotaxe do cargamento que van enviar os nazis ás fábricas de armamento en Alemaña.
 
Trala proxección de ‘Lobos sucios’, Augal 2015-2016 pecharase o vindeiro 5 de abril coa segunda edición do seu foro profesional, que estará dedicado ao subsector da animación. Será o produtor, director e guionista Ángel de la Cruz o encargado de conducir esta última cita, previa á entrega de diplomas,  coa conferencia titulada ‘Como facer unha película de animación? Pasado, presente e futuro da animación en Galicia’.