La Yogurtera debuta na produción teatral con 'A forma das cousas', que estrea este venres no Teatro Colón da Coruña

  Carlos Álvarez-Ossorio dirixe esta adaptación da obra do estadounidense Neil LaBute, con Sara Casasnovas, Borja Fernández, Victoria Pérez e Machi Salgado nas interpretacións

  Subvencionada pola Agadic, esta comedia negra con música en directo poderá verse tamén en Rianxo, Ourense, Santiago e Cangas

La Yogurtera debuta na produción teatral con 'A forma das cousas', que estrea este venres no Teatro Colón da Coruña
[15/03/2016]
A comedia ‘A forma das cousas’ inicia na Coruña o seu percorrido polos escenarios coa función de estrea que terá lugar no Teatro Colón este venres ás 20.30 h. Carlos Álvarez-Ossorio dirixe esta obra do dramaturgo e director de cine estadounidense Neil LaBute, que interpretan Sara Casasnovas, Borja Fernández, Victoria Pérez e Machi Salgado.

Esta é a primeira montaxe teatral realizada pola produtora La Yogurtera, para a que contou cunha subvención da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da convocatoria 2015 de axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) á produción escénica. Con tal motivo, o director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación desta estrea, na que tamén interviñeron a produtora Marta Horjales, o director do espectáculo e unha representación do elenco.
 
Na súa intervención, Sutil fixo fincapé precisamente neste novo modelo de traballo, aínda non moi frecuente no sector escénico galego, pero cada vez máis utilizado noutros sistemas teatrais. Nas súas palabras, “a materialización de ‘A forma das cousas’ procede da iniciativa emprendedora dunha empresa galega de xestión e distribución cultural, con Marta Horjales á fronte, quen asume nesta ocasión o papel de promotora de espectáculos para dotar a nosa escena dun proxecto creativo novo, independente, colectivo e aberto”.
 
Música orixinal interpretada en directo
Este debut de La Yogurtera na produción teatral proponlle aos espectadores unha comedia negra arredor de catro personaxes que se ven envoltos nunha serie de accións nas que a manipulación afecta as relacións interpersoais, a amizade e a mesma evolución humana. O compositor e pianista Pablo Seoane compartirá o escenario co cuarteto de actores para interpretar en directo a música composta por el para esta montaxe.
 
O humor e a ironía empréganse aquí para reflectir unha sociedade na que as apariencias superan calquera outra consideración e na que a proxección do que desexaríamos ser sitúase sempre por riba do que realmente somos.
 
Venda de entradas
As entradas para asistir á función de estrea de ‘A forma das cousas’ poden adquirirse de xeito anticipado na web wwww.ataquilla.com, no teléfono 902 504 500, na billeteira central da praza de Ourense en horario de 9.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas, e na sede de A Fundación na Coruña de 9.00 a 21.00 horas. O venres tamén estará á venda no despacho de billetes do Teatro Colón de 12.00 a 14.00 horas e a partir das 17.00 horas.
 
Tras esta primeira representación na Coruña, o espectáculo de La Yogurtera iniciará unha xira por diferentes localidades galegas, entre as que se atopan Rianxo (Auditorio Municipal, 19 de marzo), Ourense (Auditorio Municipal, 14 de abril), Santiago de Compostela (Salón Teatro, 16 e 17 de abril) e Cangas (Auditorio Municipal, 27 de maio).

-Web do espectáculo
-Vídeo promocional