Creadores e produtores audiovisuais participan nunha sesión sobre vendas internacionais organizada pola Agadic e a Oficina MEDIA

  Os especialistas Elena Mera, Silvia Iturbe e Peter Andermatt abordaron a importancia da figura do axente de vendas e mantiveron xuntanzas personalizadas cos asistentes

  A iniciativa, celebrada na sede da fundación SGAE en Santiago, enmárcase no ciclo formativo Galicia ProFilme

Creadores e produtores audiovisuais participan nunha sesión sobre vendas internacionais organizada pola Agadic e a Oficina MEDIA
[15/03/2016]

Profesionais da creación e da produción audiovisual galega participaron hoxe á tarde na sede da Fundación SGAE, en Santiago de Compostela, nunha sesión informativa, organizada pola Agadic e a Oficina Media España, sobre a figura do axente de vendas internacional e a súa importancia para o desenvolvemento do negocio do sector.


O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e mais o director da Oficina MEDIA España, Peter Andermatt, foron os encargados de presentar esta xornada, que forma parte do programa Galicia ProFilme, posto en marcha pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en 2014 para contribuír á formación continua e ao intercambio de experiencias nos distintos eidos do audiovisual.

Na sesión interviñeron Elena Mera, da compañía Tree Line Distribution, especializada na venda de documentais; Silvia Iturbe, da axencia Double I., profesional con ampla experiencia en vendas de ficción cinematográfica e televisiva; e o propio Peter Andermatt, quen tamén exerceu como axente de vendas durante catro anos.

Coñecemento práctico do mercado
O axente de vendas coñece como poucos outros profesionais do sector a realidade do mercado na súa faceta máis práctica: a relación entre a demanda e a oferta. Os axentes viaxan a moitos foros e festivais, onde interveñen no intercambio de todo tipo de contidos.

A súa profesión obrígalles non só a ver unha gran cantidade de obras rematadas, senón tamén a valorar o mercado potencial de numerosos proxectos en estado embrionario, a partir de cortes preliminares, da lectura de guións ou da avaliación de paquetes de talento artístico e técnico. Hai que ter en conta, ademais, que posúen unha rede de contactos profesionais moi extensa e que manexan moita información interesante para todos os implicados na industria audiovisual.

Durante a sesión abordáronse diferentes cuestións: desde o papel do axente no proceso de desenvolvemento, realización e comercialización das obras, ata como establecer relacións de negocio ou que aspectos se deben ter en conta no peche de acordos.

Preparación de próximos mercados
Tamén se tratou especialmente a preparación da asistencia aos mercados franceses MIPTV (Cannes) e Sunny Side of the Doc (La Rochelle), que se convocarán en próximas datas e aos que a Agadic ten previsto asistir xunto cunha delegación empresarial galega, no marco do plan de internacionalización que mantén xunto co Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e en colaboración co Clúster Audiovisual Galego (Clag).

Os profesionais galegos asistentes á xornada de hoxe tiveron a oportunidade de manter xuntanzas individuais de 20 minutos cos relatores. Estas reunións (concertadas previamente) celebráronse durante as dúas horas previas ao comezo da sesión informativa e, ademais de versar sobre o asunto central da convocatoria, responderon a consultas relativas aos ámbitos de acción que ofrece na actualidade o subprograma europeo MEDIA, tales como formación, festivais, mercados, desenvolvemento de proxectos, coprodución ou distribución.

-Ficha da sesión