O CDG colabora coa sala madrileña LaZonaKubik nun taller actoral co autor xaponés Shiro Maeda e a directora Fefa Noia

  Será un laboratorio de creación no que participarán 10 actores (4 deles galegos) en seis sesións lectivas e unha master class aberta ao público

O CDG colabora coa sala madrileña LaZonaKubik nun taller actoral co autor xaponés Shiro Maeda e a directora Fefa Noia
[16/03/2016]
A sala de teatro madrileña LaZonaKubik desenvolve ata o vindeiro 22 de marzo un taller-laboratorio de creación para actores e actrices arredor da obra do autor xaponés Shiro Maeda, quen conducirá o encontro xunto coa directora do Centro Dramático Galego (CDG), Fefa Noia. Un total de dez intérpretes participarán como alumnos nesta iniciativa.

Baixo o título 'Suteru Tabi', a iniciativa organizada en colaboración coa compañía pública galega e co apoio da Japan Foundation, ten por obxectivo a aproximación á forma de traballo do dramaturgo e director Shiro Maeda, fundador da compañía toquiota Gotanndadan, así como a apertura de vías de comunicación coa cultura nipona. Para isto, toma como punto de partida a comprensión activa da última peza escrita por Maeda, 'Suteru Tabi' (Viaxe para tirar), coa intención de xerar un diálogo entre ambas culturas por medio da translación dos elementos xaponeses á nosa realidade.

No taller, que se desenvolverá en seis sesións lectivas e mais unha master class aberta ao público, participan un total de 10 actores e actrices, catro deles galegos: María Vázquez, Areta Bolado, Lino Ferreira e Alejandro Saa.

LaZonaKubik é un centro teatral vinculado á produtora de cine e teatro La Zona e á compañía Kubik Fabrik. Ocupa unha nave industrial na rúa Primitiva Gañán, desde onde aposta polo apoio á creación contemporánea e aos valores emerxentes, acompañando procesos creativos que poden ser a orixe de futuras producións. A súa filosofía non se limita á exhibición de espectáculos, senón que tamén traballa a prol das novas creacións, ao tempo que se buscan novas fórmulas para o seu achegamento ao público, implicando á audiencia nunha participación activa.

Deste xeito, os laboratorios que organiza LaZonaKubik están enfocados ao ámbito da dirección, da dramaturxia e da xestión cultural e contan para este bimestre con algúns dos nomes más relevantes do panorama teatral actual, tanto nacional como internacional: Alfredo Sanzol, Julián Fuentes Reta, José Troncoso, Natalia Simó ou Fernando Sánchez-Cabezudo, entre outros.

-Web de LaZonaKubik