O Centro Galego de Artes da Imaxe afonda na obra de Jean Renoir coa proxección de dez dos seus filmes máis emblemáticos

  O especial sobre o gran cineasta francés, que dá comezo hoxe con ‘Boudu salvado de las aguas’, comprende varias copias novas tanto en DCP como en 35 mm

  Recupéranse títulos tan relevantes como ‘Un día de campo’ ou ‘La regla del juego’

O Centro Galego de Artes da Imaxe afonda na obra de Jean Renoir coa proxección de dez dos seus filmes máis emblemáticos
[16/03/2016]
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa desde hoxe e ata o vindeiro 8 de abril a primeira parte dun ciclo dedicado a Jean Renoir, durante o que proxectará na súa sede da Coruña dez destacadas obras desta figura clave na historia do cinema francés e universal.

O especial, que se estenderá á carteleira de maio-xuño con outros cinco títulos, arranca esta mesma tarde cunha sesión dobre –ás 18.00 e ás 20.30 horas– de ‘Boudu salvado de las aguas’, filme de 1932 sobre o intento de civilización dun vagabundo por parte dun librepensador insatisfeito coa súa vida matrimonial.
 
Obras mestras
A carteleira inclúe tamén varias das obras consideradas como imprescindibles na filmografía do director francés. É o caso de ‘Un día en el campo’, homenaxe do realizador ao seu pai, o pintor impresionista Pierre-Auguste Renoir, que poderá verse no CGAI mañá xoves xunto á satírica ‘El crimen de Monsier Lange’. Así mesmo, o mércores 30 de marzo programarase ‘La regla del juego’ (na imaxe), definida por moitos especialistas como a gran obra mestra do director, na que critica as máscaras sociais, a hipocrisía e a falta de ética.
 
Esta primeira entrega da homenaxe do Centro Galego de Artes da Imaxe a Jean Renoir complétase con outros seis títulos: ‘La gran ilusión’ (18 de marzo), ‘La bestia humana’ (22 de marzo), ‘La marsellesa’ (23 de marzo), ‘Aguas pantanosas’ (6 de abril), ‘Esta tierra es mía’ (7 de abril) e ‘Memorias dunha doncella’ (8 de abril). Todas elas exhibiranse en sesión dobre, ás 18.00 e 20.30 horas
 
O ciclo, que comprende varias copias novas en DCP e en 33 mm, dálle continuidade á ampla retrospectiva que a Filmoteca de Galicia lle dedicara ao cineasta francés hai preto de dúas décadas en colaboración coa revista ‘Nosferatu’.

-CGAI