A Agadic convoca a segunda edición do programa 'Firma e Filme' para a adaptación audiovisual de obras literarias galegas

  A Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) e a Asociación Galega de Editores (AGE) volven colaborar nesta iniciativa, que busca impulsar as sinerxías entre estes dous sectores claves para a cultura galega

  As empresas interesadas teñen ata o 6 de abril para remitir as súas propostas cara á organización dunha axenda de reunións bilaterais executivas, que terán lugar na Cidade da Cultura de Galicia no mes de setembro

A Agadic convoca a segunda edición do programa 'Firma e Filme' para a adaptación audiovisual de obras literarias galegas
[18/03/2016]
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de convocar unha nova edición do seu programa ‘Firma e Filme’, que botou a andar o ano pasado co obxectivo de impulsar a adaptación audiovisual de obras da literatura galega.

A Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) e a Asociación Galega de Editores (AGE) volven implicarse na organización desta iniciativa, que abre ata o 6 de abril o prazo para a recepción de propostas por parte das empresas de ambos os sectores.
 
Iníciase así a primeira fase do proceso, durante a que se recompilará información sobre a oferta das editoriais e os intereses das produtoras cara a valorar as posibilidades de adaptación cinematográfica ou televisiva dos textos que se presentan. As compañías interesadas en participar nesta segunda edición do programa deben remitir ao correo electrónico firmaefilme.agadic@xunta.es a ficha de inscrición que se pode descargar desde a sección de avisos do web www.agadic.gal.
 
No caso das editoriais, poderán presentarse aquelas que conten no seu catálogo con obras orixinais galegas, traducións ou reedicións publicadas desde 2012. O límite de propostas é de cinco títulos por empresa, tendo en conta que non se poderán achegar textos xa incluídos na primeira edición de ‘Firma e Filme’.
 
Pola súa banda, as produtoras han de sinalar o formato no que teñen interese en realizar as adaptacións, os xéneros preferentes (animación, acción, aventuras, bélico, biopic, ciencia ficción, comedia, drama, experimental, fantástico, musical, romántica, suspense, terror, thriller, western...) e mais o grupo de espectadores ao que queren dirixirse.
 
Análise e reunións executivas
A continuación, iniciarase unha fase de estudo e informe dos textos por parte dun equipo de analistas de guión, que avaliará as súas posibilidades de adaptación audiovisual. A partir desta análise e tras a posta en común coas produtoras inscritas daquelas obras literarias que mellor encaixen coa súa liña de traballo, organizarase un programa de xuntanzas executivas e bilaterais entre as empresas de ambos sectores, que terá lugar o vindeiro mes de setembro na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela.
 
A Agadic puxo en marcha o programa ‘Firma e Filme’ en 2015 co obxectivo de impulsar as sinerxías entre estes dous importantes ámbitos da cultura galega a través dun proxecto conxunto que busca acadar unha maior presenza da literatura galega tanto na pequena como na gran pantalla. Nesa primeira edición, participaron 27 empresas (14 produtoras e 13 editoriais), que desenvolveron máis de medio cento de reunións executivas a partir das 52 propostas de adaptación recibidas.

Na imaxe, un momento das reunións executivas da primeira edición do programa celebradas en decembro do ano pasado no marco de Culturgal 2015.

-Máis información