A Xunta e as principais entidades do audiovisual inician as reunións executivas para desenvolver unha estratexia conxunta para o sector

  O grupo de traballo está integrado pola Agadic, Turismo de Galicia, TVG, Academia Galega do Audiovisual, Clúster Audiovisual Galego e as asociacións de produtoras independentes, empresas, guionistas, directores e realizadores

  Este encontro dá continuidade á xuntanza que o presidente Alberto Núñez Feijóo mantivo cos representantes destas entidades co obxectivo de abrir un proceso de debate cara a elaboración dun plan 2016-2020 para o sector galego

A Xunta e as principais entidades do audiovisual inician as reunións executivas para desenvolver unha estratexia conxunta para o sector
[21/03/2016]
A Biblioteca da Cidade da Cultura acolleu este mediodía a primeira reunión executiva do grupo de traballo integrado pola Xunta de Galicia, Televisión de Galicia (TVG) e outras seis entidades e asociacións audiovisuais co obxectivo de definir unha estratexia conxunta para este sector entre os anos 2016 e 2020.

Arranca así o proceso de debate anunciado o pasado 7 de marzo polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante a xuntanza que mantivo cos representantes das principais institucións, entidades e asociacións implicadas para acordar a elaboración dun plan estratéxico do audiovisual galego que contribúa a impulsar este sector como un dos buques insignia das nosas industrias culturais.
 
Ampla participación
Esta primeira reunión do grupo de traballo constituído para tal fin estivo presidida polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e nela tamén participaron Dolores Meijomín, coordinadora de Política Audiovisual da Agadic; Carmen Pita, directora de Promoción de Turismo de Galicia; Fernando Rodríguez Madriñán, director do departamento de Programación e Emisión de TVG; Carlos Ares, presidente da Academia Galega do Audiovisual; Mar Varela, xerente do Clúster Audiovisual Galego (Clag); Dolores Ben, presidenta da Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi); Ramón Domínguez, presidente da Asociación de Empresas Galegas do Audiovisual (AEGA); Jorge Coira, presidente da Asociación de Directores e Realizadores de Galicia-CREA; e Daniel Domínguez, vogal Asociación Galega de Guionistas.
 
O seu cometido é o deseño dunha estratexia conxunta que, partindo dunha diagnose do sector, permita establecer prioridades e definir obxectivos e liñas de actuación a medio e largo prazo. Con tal fin impulsarase a coordinación entre as distintas entidades ou departamentos públicos encargados de desenvolver o plan, así como a transversalidade nas accións que se leven a cabo no seu marco.
 
 Axenda de traballo
O programa de subvencións, a internacionalización do sector, a creación e dinamización de audiencias, a implicación da cidadanía no consumo de bens e servizos audiovisuais e a mellora da educación audiovisual nas escolas son os principais eixos arredor dos que se debaterá nas diferentes reunións executivas que leve a cabo este grupo de traballo.
 
Neste sentido, a recente convocatoria de axudas da Agadic a producións e coproducións audiovisuais, que manteñen unha dotación global de 2.000.000 euros,supuxo xa un primeiro paso dentro desta estratexia ao introducir unha importante reestruturación do sistema de pagamentos anticipados. Deuse así resposta ás demandas do sector no sentido de reducir a carga financeira que asumen as empresas durante o proceso de produción, ao tempo que se busca impulsar as novas empresas audiovisuais e reducir as súas dificultades tanto para a obtención de avais como para o acceso ao crédito bancario.