Os XX Premios María Casares de Teatro entréganse o mércores na Coruña cunha gala musical que homenaxeará ás Irmandades da Fala

  A Axencia Galega das Industrias Culturais contribúe á celebración deste evento a través dun convenio de colaboración coa entidade organizadora, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG)

  O grupo Chévere, coa participación de nove intérpretes e cinco músicos baixo a dirección de Xesús Ron, será o condutor da noite festiva destes galardóns que distinguen cada ano os profesionais da escena galega

Os XX Premios María Casares de Teatro entréganse o mércores na Coruña cunha gala musical que homenaxeará ás Irmandades da Fala
[28/03/2016]
O Teatro Rosalía Castro da Coruña acollerá este mércores a cerimonia de entrega dos XX Premios María Casares que, organizados pola Asociación de Actores de Actrices de Galicia (AAAG), distinguen cada ano o traballo das distintas disciplinas escénicas do teatro producido en Galicia. Será unha gala musical conducida polo grupo Chévere.


A compañía galega Premio Nacional de Teatro 2014, é a encargada do deseño e condución do evento que hoxe foi presentado como un musical festivo de celebración do vixésimo aniversario dos premios e de homenaxe ás Irmandades da Fala, que neste 2016 celebran o seu centenario.
 
Algúns dos detalles da gala foron adiantados hoxe por Xesús Ron, director de Chévere, na rolda de prensa que tivo lugar no coruñés Pazo de María Pita e na que participaron participaron tamén o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento da Coruña, José Manuel Sande, e o presidente da AAAG, Vicente Mohedano.
 
Mirada orgullosa
Así, Suso Montero volve encargarse da escenografía, na que destaca a elaboración con gran precisión artística de dous panos de fondo. Ambos desvelaranse durante a cerimonia e servirán para a ambientación desta gala musical que lembrará a María Casares e as Irmandades da Fala, como tamén outros elementos que, segundo os organizadores, “serven para reivindicar unha identidade cultural propia aberta ao mundo e constitúen unha mirada orgullosa ao pasado para afrontar con determinación o futuro do teatro, da lingua e da cultura galega”.
 
Con estes obxectivos en mente, ao escenario subirán nove actores (Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Mónica García, Arancha Villar, César Goldi, Marcos Ptt, Manuel Cortés, Borja Fernández e Cristina Iglesias) e cinco músicos (Xacobe Martínez Antelo, Max Gómez, Manuel Cebrián, Xosé Miguélez e Javi GDJazz).

A gala presenta un ano máis a produción executiva de Marta Horjales e acadou a implicacióndunha serie de institucións e entidades privadas. Así, a Consellería de Cultura e Educación (a través da Agadic) apoia os premios mediante o convenio de colaboración asinado o pasado día 23 de marzo coa AAAG. O Concello da Coruña, a Deputación Provincial da Coruña, a Fundación AISGE e a Fundación SGAE patrocinan tamén os premios, que contan coas colaboracións do Padroado de Cultura do Concello de Narón, a Televisión de Galicia, o Centro Dramático Galego, Gadis, Emsac e Trevisani.

Como representante dunha das institucións patrocinadoras, o director da Agadic, Jacobo Sutil, referiuse á transcendencia dos galardóns nunha tripla vertente: como celebración lúdica que propicia o encontro entre os profesionais do sector de toda Galicia, como momento para facer balance de todo un ano de traballo sobre os nosos escenarios e como escaparate para a proxección social da gran creatividade do teatro galego.

María Casares no CGAI
Sutil lembrou que os vinte anos de traxectoria dos María Casares coincide co vixésimo cabodano da actriz coruñesa que dá nome aos premios, polo que, dentro das actividades desenvolvidas estes días para a divulgación da súa figura, o Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI), dependente da Consellería de Cultura e Educación, acollerá mañá unha sesión de homenaxe á intérprete. Será mediante un coloquio presentado pola vicepresidenta da AAAG, Mabel Rivera, moderado polo escritor e xornalista Alberto Ramos e no que participarán o historiador de cine José Luis Castro de Paz e a investigadora Sabela Hermida.
 
Tras a mesa redonda, proxectarase o clásico ‘Les enfants du paradise’, dirixida por Marcel Carné e protagonizada por María Casares. A sesión comezará ás 19.30 horas na sala do CGAI na rúa Durán Loriga e a entrada será libre ate completar capacidade.
 
Espectáculos finalistas
Un total de 14 espectáculos resultaron finalistas nos XX Premios de Teatro María Casares. ‘O Principio de Arquímedes’, de Teatro do Atlántico, convértese neste 2016 na produción con maior número de candidaturas, ao ter presenza en oito categorías. ‘Ensaio sobre a cegueira’, de Sarabela Teatro, aspira a sete galardóns e ‘Presidente’, de Teatro do Morcego, opta a cinco. Ademais, estas tres montaxes disputaranse o premio ao mellor espectáculo.
 
 ‘Xardín suspenso’, do Centro Dramático Galego, e ‘Manawee’, de Matrioshka Teatro, compiten ambas as dúas en catro apartados, mentres que ‘Noiteboa’, de Redrum Teatro, e ‘Panamericana’, de A Panadería, optan a tres galardóns. Pola súa banda, ‘Calypso’, de Voadora; ‘O Furancho’, de Ibuprofeno Teatro, e ‘Unhas poucas picadelas’, de Teatro de Ningures, competirán por dous galardóns. Finalmente, poderían gañar un galardón ‘30 e tantos ósos’ (Aporía Escénica), ‘Feo!’ (Caramuxo Teatro), ‘O Crédito’ (Eme2 Producións) e ‘Jim e Illa do Tesouro’ (Eme2 Producións).
 
Durante a gala, entregarase o Premio de Honra Marisa Soto á Revista Galega de Teatro (RGT) e a xornalista Montse Dopico lerá o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro.

Por vez primeira, os Premios María Casares de Teatro serán transmitidos en directo a través de ‘streaming’ na páxina web da Televisión de Galicia e poderanse seguir en diferido pola segunda canle. A través de Twitter anunciaranse en tempo real os gañadores e empregarase o ‘hashtag’ #os casares.

[Na imaxe, xerras-trofeo dos Premios María Casares]

-Dossier de prensa dos XX Premios María Casares